Vous aimez Toulouse

Toulouse1Coñecedes o concepto “matrimonio cultural”? Como veredes no enlace eu aprendino fai pouco. Fala de medrar como persoa a través do intercambio de coñecementos, opinións, experiencias…, con persoas doutras cidades, países, continentes se pode ser.

Un día plantexámonos en Equipaxe de man que algúns dos polígamos culturais que todos coñecemos ocupasen, de cando en vez, o noso espazo no blog. Dun encontro despois de moito tempo xurdiu unha invitación a escribir. Preséntovos a Carolina, Vigo, cronopia –os polígamos culturais adoitamos ser cronopios–, profesora de francés nun centro social en Toulouse e mellor comunicadora.  A proba atoparédela despois do “seguir lendo”.

“Existen tantas viaxes como poidamos atisbar xunto a esas outras que non alcanzarán a ser imaxinadas, mais todas elas gardan a forza da novidade. Por iso son tan importantes, convértense dalgún xeito nunha ferramenta de loita contra o cotián. Se cadra é a razón do seu encanto: a capacidade para converternos en “viaxeiros contantes” esquecendo o acontecido e somerxéndonos nunha grata “incerteza”. A mesma que parece crear novas rúas a disposición dos seus transeuntes e non un cúmulo de casiñas ben feitas que se asemellan ó escenario dunha obra endexamais representada.

toulouse2Cada curruncho está cheo de vida. Chega con seguir o camiño que nos indica o Garona. Podemos coller como exemplo a Prairie des Filtres, onde desfrutaremos do pracer da curiosidade e seremos testemuña dunha grande actividade. A súa multitude de pontes é una boa mostra do seu optimismo; tódolos camiños parecen morrer no grande Capitolio que agarda o seu momento para recibir aos que chegan e saudar a todos aqueles que un bo día decidiron quedar.

Poderiamos falar de moitas das rues escritas tamén en lingua occitana, da peregrina Basílica de St. Sernin ou de St. Etienne, dos barquiños que rodean à canle, do encanto dos seus mercados, especialmente o de Saint Auban, do seu aire de festividade… É como se as súas xentes decidiran saír ao mesmo tempo pero sen chegar a incomodar a aqueles que buscan a tranquilidade. Non vos esquezades do barrio de Carmes, conservando esa estética parisina pero dentro dunha cidade que parece algo menos mentireira por momentos.

Moita información en poucos metros non faría máis que estragar a súa simplicidade. É coñecida como a cidade rosa pola cor da súa arquitectura. E é a capital do exilio español; a que fora símbolo republicano garda aínda moitas historias que resitiron á súa xeración. Aínda podemos atopar a sede do CNT e facer unha visita a Casa de España, lugar no que se organizaron diferentes movementos da esquerda faltos de libertade. Foi considerada por moitos como a quinta provincia de Cataluña e acolle tantas culturas como pode, facendo dela unha eterna descoñecida que non resulta estraña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>