Un domingo de mercado e tapería

SanCosmeACasaDaArencaEn pleno inverno, cos días curtos, a chuvia e o frío, a oferta de ocio vese diminuída. Queredes un plan para un domingo no sur galego? Que vos parece mercado + tapería? A min saíume redondo! Imos entón?

A primeira parada é o mercado de Zamáns, no concello de Mos e moi próximo a Vigo. Celébrase todos os domingos, durante todo o día, ao redor da capela de San Cosme, preto do Embalse de Zamáns e do CUVI.

E porque é visita obrigada? Porque alí atoparedes de todo: dende un montón de apeiros agrícolas, a flores e plantas, sementes, roupa, alimentos, produtos artesáns. Porque é un sitio para pasear tranquilamente e aproveitar a facer algunhas compras. Porque sempre atopas algo do teu gusto, do teu agrado ou que precises. Porque é enorme. Porque os churros, como os da feira, ningúns.

A seguinte parada, despois de cargar o coche coas compras, é repor forzas. A tapería A Casa da Arenca, en Porriño, e próxima ao mercado, é unha boa opción. Atópase nun entorno rural, en fronte da igrexa de Torneiros, na estrada que une Porriño e Gondomar; e leva máis de dez anos ofrecendo pratos e tapas típicas da terra.

É un sitio moi xeitoso xa en canto entras, cunha terraza exterior que apuntei para volver en primavera. No interior, son dous salóns decorados de xeito rústico, con encanto; e o trato, moi agradable. As miñas setas, as croquetas e a tixola de ovos, patacas e chourizos estaban para enchoupar pan!

Como para baixar a comida precisaredes un paseo, poñemos rumbo a Tui, unha vila raiana con agarimosas cafetarías, que non está lonxe e sempre é unha boa escolla para unha tarde domingueira.

Animádesvos?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>