Un día en Nova York (por @JPineiroP)

Viaxeiro sempre que podo e adicto á *fotografía, Vicky invitoume a que escribise algo para Equipaxe de Man. Non se me ocorreu mellor maneira de agradecerlle o favor que falando dunha viaxe que leva anos desexando facer e pola que ela, estou seguro, ségueme odiando: Nova York.

Así que, se vos decidides a acompañarme, invítovos a cruzar dun gran salto o Atlántico e pasar comigo (e coa miña cámara) un día na Gran Mazá.

Comeza o día e vai ser longo, así que unha vez que esteades guapos e aseados pararemos a coller un café para levar: non podedes sentirvos integrados en Nova York se non paseades cun enorme café na man. Ademais, o máis probable e que o primeiro Starbucks estea a menos de 5 metros (se o pasades, seguro que hai outro na seguinte mazá).

Xa estamos listos para emprender camiño, así que dereitiños ao metro e camiño da primeira parada: Brooklyn Heights – Clark St. (liñas vermellas 2 e 3). Ao saír do metro temos que camiñar por Clark St. para o East River. Se vos parecedes en algo a min, ides en sentido contrario! Así que media volta e, agora si, para o río e ata Furman St. Saberedes que chegamos porque comezaredes a hiperventilar e os pelos poñeránsevos como escarpias (tranquilos, pásase ao cabo dun anaco): Nova York, ese gran estudio que tantas veces tedes visto na gran e na pequena pantalla está aos vosos pés, coa ponte de Brooklyn (a ponte máis bonita do mundo mundial) á vosa dereita e, á esquerda, moi pequena e só para os que dispoñan de boa vista, a Estatua da Liberdade.
nova york 1 O día que sexa rico e poderoso (que todos sabemos que será cedo) a miña primeira compra será un ático en Brooklyn Heights cun dormitorio que mire ao río. Nin Upper East Side nin un loft no Soho nin leites. Levantarme cada mañá con esta vista…

Un parque bordea o río, así que podemos aproveitar para pasear e gozar das vistas ou simplemente sentarnos nun banco a fumar un cigarro e intentar asimilar que é certo: estamos por fin en Nova York. Non hai presa, é cedo e o sol ás vosas costas ilumina o Downtown Manhattan como se estivese alí posto só para vós.

Cando consigades asimilar a situación, e probablemente teñades xa chea unha das dúas tarxetas na memoria da cámara procurando atopar a foto perfecta, estaredes tentados de cruzar a ponte de Brooklyn. O problema se facemos iso é que, como os peóns circulan polo medio da ponte, hai moitas cousas que bloquearán a nosa vista (aínda que hai bos planos da propia ponte). Así que vou pedirvos que resistades e vaiades un pouco máis río arriba ata a ponte de Manhattan onde, se imos pola parte esquerda, teremos as mellores vistas (incluída a propia ponte de Brooklyn).
nova york 2A ponte levaranos directos ata a praza de Confucio, en China Town. Podemos aproveitar e perdernos un rato polas súas rúas e prazas, enchendo os pulmóns de cultura oriental, porque en canto nos deamos de conta estaremos paseando xunto a Vito Corleone por Little Italy.
Quédanos un longo camiño, así que é hora de visitar o Soho e ir paseando en dirección Uptown pasando pola universidade de Nova York (NYU) e Union Square.

Levamos xa un bo paseo e, non sei vós, pero eu xa comezo a ter fame. Así que imos facer un rápido pit-stop nun posto ambulante de “perritos”: non ides marchar de Nova York sen comer un “perrito” pola rúa.

O seguinte obxectivo é Madison Square Park (que non “garden”). Alí veremos, entre outras cousas, o Flatiron Building, o primeiro rañaceos da cidade, hoxe empequenecido polos seus irmáns máis xoves.

Mentres seguides pensando “estes chamábanlle rañaceos a calquera cousa” dádevos media volta, mirando rúa arriba pola Quinta Avenida e atoparédelo alí agardando por nós, o símbolo máis representativo da cidade (con permiso de madame Liberty): o Empire State Building. É a próxima parada, aínda que podemos desviarnos un pouco e aproveitar para ver o Madison Square Garden (casa dos New York Knicks) de camiño.

Nova York 3_1A visita ao hall do Empire State e obrigada, pero na miña opinión podemos aforrarnos subir: está abarrotado de xente e as vistas, aínda que boas, non son as mellores. Confiade en min, gardo a miña mellor aposta para o final. Tamén hei de admitir que eu non fun capaz de resistir a tentación, así que non vos culparei se decidides facelo.

Cando esteamos listos, seguiremos subindo pola Quinta ata a Public Library para saudar aos leóns que gardan a entrada. Se hai tempo, podemos pasar a botar un ollo, pero de aquí temos que seguir á estación de Grand Central.

Chegando á estación comezaremos a ver entre os edificios unha silueta tamén inconfundíbel, e na miña humilde opinión más bonita ca do Empire State: o Chrystler Building. Aínda me pregunto por qué xa non fan edificios así de bonitos, con esas aguias vixiando o horizonte en cada canto. E todos sabemos que os derradeiros pisos agochan a gorida de Kingpin, o Rei do Crime.
Xa vai sendo hora de visitar Central Park, e o mellor é subir por Park Avenue. Entre outras cousas poderemos ver o Waldorf Astoria (salvo que vos permitades pasar a noite nel). Se conseguides quitar da cabeza o bonita e romántica que era Serendipity chegaremos ao parque, onde temos un montón de cousas que ver.

Temos que controlar a hora, porque hai unha cita ineludíbel antes da caída do sol, pero podemos facer unha ruta rápida entrando polo sueste e subindo polo Mall ata Bethesda Fountain e o lago. Dende alí, cruzando polo Bow Bridge, paseamos ata o Boat Pond, onde podemos pasar un rato xogando con Alicia, o sombrereiro tolo e o coello (se non vai con moito atraso, que é un home moi ocupado).

Seguiremos subindo ata o Belbedere Castle (o punto máis alto do parque) para ver as vistas, e xa estamos ao lado do Museo de Historia Natural. Por desgraza hoxe non temos tempo de entrar a velo (podemos botar días xogando entre dinosauros, baleas e demais) pero si que debemos pasar ata o hall de entrada para quedar coa boca aberta (e o pescozo a 90º) ante o Brontosaurio que a preside.

Despois baixaremos pola parte oeste do parque, parando a render homenaxe a unha das lendas de Liverpool en Strawberry Fields, frente ao Dakota, e ata Columbus Circle.

Ao saír do parque, volveremos á Quinta Avenida para ver Tiffany’s (café en man se é posíbel) para que merquedes algo para a moza, que non ides marchar coas mans baleiras. Logo pasamos por St. Patrick’s Cathedral e chegaremos ao Rockefeller Center. Se fixemos as cousas ben, agora debería estar atardecendo e é o momento de subir ata o máis alto, ao Top of the Rock, para ver o sol caer sobre a cidade e como esta vaise acendendo ante vós (observadores ollipláticos que recoñeceredes entón canta razón tiña).

Podemos tomalo con calma, porque aquí hai moito espazo e moita menos xente. Temos tres pisos para pasear, con tenda incluída, e unha panorámica incríbel. Entenderedes entón por qué esta é (para min e para moitos) a mellor vista dende as alturas: Central Park ás costas (lembrade a foto dos obreiros almorzando, porque eles permitiron que chegásedes tan alto) e xusto fronte a vos o Empire State, impoñente ante os “novos ricos” do Downtown.

Cando xa non teñades espazo para unha foto máis na cámara, podemos pensar en baixar e ir á ultima parada do día: Times Square (si, esa mazá da foto onde hai máis luz ca de día). Podemos pasear baixo as luces de neon (recoméndase crema solar), buscar un sitio para cear ou, se queda tempo, ir a ver un musical.

Eu a verdade, estou esgotado despois do paseo. A cama chámame e nunca fun quén de dicirlle que non (ela leva os pantalóns na nosa relación). So agardo que disfrutárades tanto da viaxe coma min e que nos volvamos ver pronto, paseando por algún outro sitio da nosa pequena “canica azul

*Todas as imaxes deste artigo son de @JPineiroPruta ny

Unha reflexión sobre “Un día en Nova York (por @JPineiroP)

  1. Elsa

    Precioso artículo, muy especial. Viajaré pronto a Nueva York y tengo la sensación, sin haberlo visto aún, de que sentiré algo muy parecido a lo que cuentas. Yo también quiero ese ático :)

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>