Un castelo de conto: Mont Saint Michel

A baía Mont Saint Michel está dominada pola espectacular abadía fortificada que recibe o mesmo nome

Normandía asómase ao Canal da Mancha por unha fronte costeira de más de 600 quilómetros, caracterizada pola súa alternancia entre zonas de praias e altos acantilados. Ao suroeste desta zona ábrese a baía de Mont Saint Michel, dominada por unha espectacular abadía fortificada que, dependendo da marea, está unida pola area ou completamente illada de terra firme. Coñecido como unha das marabillas do occidente europeo, o monte preséntasenos como unha inesquecible visión de fábula que non vos podedes perder.

Mont Saint Michel foi cobizado por Normandía e Bretaña xa que a fronteira entre ambas rexións permanecía fixada polo curso do río. Este límite quedou establecido definitivamente cando se construíu a estrada que deixaba ao monte e o seu mosteiro en terras normandas.

Ante a aparición do solitario monte, transformado polo ser humano en fortaleza e abadía, compréndese a lenda, a fama e a fascinación deste, reflexo dun medievo remoto, e que fai que sexa o terceiro lugar máis visitado de Francia, con máis de tres millóns e medio de visitas anuais.

Diversos miradores ofrecen unhas magníficas vistas do litoral normando e bretón

Gran parte do seu encanto reside na paisaxe variable que o rodea, xa que as mareas máis profundas de Europa descobren bancos de area ata a vinte quilómetros de distancia. Na actualidade coñecemos que este fenómeno natural é a causa deste impresionante movemento das augas pero séculos atrás xurdiron algunhas lendas que incluían curiosas explicacións.

O complexo da Abadía levántase sobre un promontorio de granito duns oitenta metros de altura e está rodeado por estruturas defensivas e unha muralla escarpada. Segundo a tradición, foi o arcanxo Miguel, aparecido nun soño a Aubert -bispo de Avranches en tempos dos últimos reis merovinxios- quen ordenou a fundación da abadía sobre o monte Tombe. O bispo comezou a obra cunha pequena capela. Co paso dos séculos producíronse ampliacións e modificacións que derivaron nas edificacións actuais.

A empinada Grand Rue conta con numerosos restaurantes e tendas de recordos

O monte conta cunha única porta de acceso: a Porte de l’avancée. Para chegar ao conxunto arquitectónico, é necesario tomar a Grand Rue, a empinada rúa bordeada de tendas e restaurantes que conduce á basílica. O pobo conta cun gran número de edificios clasificados como monumentos históricos, pequenos museos locais e comercios turísticos. Seguindo o adarve, que descorre entre pequenos xardíns, pódese admirar as magníficas vistas do litoral.

Entre todos os edificios de Mont Saint Michel destacaría A Merveille, a parte gótica da abadía. Construída no século XIII, consta dun claustro aberto ao ceo e cun xardín no centro, un refectorio, un scriptorium -onde se inspirou o director da película “El nombre de la rosa” para filmala- unha capelanía, unha sala de cabaleiros e a sala de hóspedes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>