Un brinde por Sain-Émilion

Non me gusta o viño. Máis ben o tinto. O branco gústame pero súbeseme á cabeza. A cultura do viño é outra cousa. É desatinado saber apreciar un viño aínda que non che agrade o seu sabor? Chamaríame “viniculturizarme”. É desas cousas que están na lista de “estudar cando sexa rica de diñeiro e tempo”, xunto a Belas Artes. Supoño que chegado o momento terei que volver a Saint-Émilion (Aquitaine, Francia).

Francia é país de viños e Saint-Émilion un dos seus referentes. Descender na súa estación de trens é como coller unha copa pola súa base e apreciar, a contraluz, a cor do viño, percibes que vas coñecer un lugar Patrimonio da Humanidade pero sabes que aínda queda moito del por descubrir. No ascenso a este pobo medieval, mentres cruzas extensos viñedos, somerxes o nariz na copa e respiras o seu aroma, o que desprenden miles de cepas descendentes (dalgún modo) daquelas primeiras plantadas polos romanos. Perderse polas súas pedregosas rúas, ao igual que saborear un viño intentando apreciar os seus catro sabores básicos (ácido, salgado, amargo e doce), é a proba definitiva para saber que Saint-Émilion está á altura dos seus mellores “châteaux”: o Château Cheval Blanc e o Château Ausone (os únicos clasificados como Premier Grand Cru Classé A).

Por casualidade ou por fado, en Bordeaux coñecín un irmán de aniversario, “Bonnelly”. Álvaro Bonnelly é un xefe de cociña (graduado na Universidade de Birmingham) amante do viño. Por aquel entón traballaba no Château Soutard de Saint-Émilion como guía e xefe de cociña privado. Desventuradamente, nunca cheguei a coñecer ao seu alter ego, o aprendiz da maridaxe The Wine Cowboy. Menos mal que sempre nos quedará youtube. As ensinanzas deste “vaqueiro” son unha perfecta introdución á cultura do viño e, ademais, contan coa estampa de Saint-Émilion como pano de fondo. Que mellor combinación? E máis se prevemos visitar esta vila e gozar da súa bebida! Agora a Álvaro e o seu equipo planean facer unha ruta por Arxentina e Chile, aprendendo a combinar os seus viños e os seus mellores pratos, que desemboque nunha experiencia multimedia que distribuír en pc’s, tablets e smartphones.

O que The Wine Cowboy non che desvela, aínda que saber sábeo, é que en Saint-Émilion as posibilidades para gozar dos seus viños son múltiples. Dende a entrada a certas adegas abertas ao público, ata a visita á Casa do Viño (coas súas exposicións, as súas clases de iniciación á degustación ou a súa tenda), pasando polo “Saint-Émilion Wine Tour” en autobús convertible ou por “O tren dos viñedos”. Se quedas con ganas de máis, atoparás múltiples boutiques e restaurantes nos que comprar algunha botella dos teus mellores descubrimentos ou dar un paso máis cara a maridaxe, iso si, fíxate nos prezos porque os ceros non son un erro de imprenta. O mellor de todo? Que a cor, aroma e sabor do viño multiplícanse ao catalo nun marco histórico como o de Saint-Émilion, pero dita historia terás que ir ti descubrila, ou pretendes que che conte eu todo o conto? Deixemos oco á sorpresa.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>