Tocamos Madeira | De Câmara de Lobos a Porto Moniz

Camara de Lobos 2

Câmara de Lobos

A illa de Madeira (Portugal) foi o destino escollido para pasar unha semana de vacacións no mes de xullo. Recomendable? Si, pero cómpre ler os posts que vou compartir no blog. A favor, Madeira é un paraíso natural que paga a pena coñecer e percorrer. En contra, que non vos estrañe se ao chegar vos collen polos nocellos para ver que cae.

Descartada a opción de alugar un coche para coñecer a illa –moi recomendable se podedes planificar a viaxe con tempo–, decidimos organizar a semana no mostrador de recepción do hotel. A viaxe foi de menos a máis. A primeira xornada consistiu nunha carreira contra a furgoneta que nos levaría a coñecer boa parte de Madeira.

 

Camara de Lobos

Câmara de Lobos

A primeira parada foi Câmara de Lobos, a 5 kilómetros de Funchal (capital de Madeira). Déronnos 15 minutos para percorrer este fermoso pobo mariñeiro e marcar no mapa o Pico da Torre, o Curral das Freiras ou a Boca dos Namorados. Podemos dicir que estivemos en Câmara de Lobos pero un cuarto de hora non é tempo suficiente para investigar e conversar. Como se trataba de darlle de comer ao Instagram era obrigado baixarse no seguinte punto de interese da xornada: Cabo Girão.

Cabo Girao

Cabo Girão

Funchal, Câmara de Lobos e Cabo Girão. É o segundo acantilado máis alto do mundo. A foto non lle fai xustiza a unha vista das que non se esquecen. Desculpade o consello pero lembrade gardar tempo para desfrutar da paisaxe despois das fotos e dos selfies. A furgoneta xa arrancou rumbo a Ribeira Brava.

Ribeira Brava

Ribeira Brava

Pobo situado na costa suroeste da illa. Perfecto para facer turismo: podedes visitar unha igrexa (a de São Bento) e mercar regalos para toda a familia. Por se non o sabiades, aquí descubriredes que Madeira non é un destino de praia… O baño deixámolo para un pouquiño máis adiante e a praia tal e como a coñecemos non a atoparemos ata chegar á illa de Porto Santo.

Veu da noiva

Miradoiro do Véu da Noiva

Antes de chegar ao final da excursión, facemos parada no Miradoiro do Véu da Noiva. Madeira é unha illa volcánica chea de auga que corre polas ladeiras das súas montañas. Non é difícil saber o porque do nome do miradoiro.

Porto Moniz

Piscinas naturais de Porto Moniz

Se hoxe fora 14 de xullo do 2015 alugaría un coche, visitaría Câmara de Lobos, desfrutaría da vista de Cabo Girão e do Miradoiro do Véu da Noiva e pasaría boa parte do día en Porto Moniz. Porque nós só tivemos unha hora para comer e gozar das súas piscinas naturais. Deixade que o Atlántico rompa a uns centímetros de vós protexidos polas rochas volcánicas que forman Madeira.

Paga a pena coñecer Ribeira Brava ou Porto Moniz pero non o fagades como o fixemos nós. Para a seguinte xornada agardábanos a Levada do Pico Ruivo; unha ruta de “dificultade moderada” obrigatoria se queredes presumir de que coñecedes Madeira.

Unha reflexión sobre “Tocamos Madeira | De Câmara de Lobos a Porto Moniz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>