The password is “Reboleira”

AReboleira

Chegou a Semana Santa sen avisar con tempo e tocou escapar co compañeiro de sempre ao sitio de moitas veces. “Tendo en conta as datas haberá que reservar non? Chamo a algún sitio?”… “Confía!”. O Xoves Santo pola mañá adicamos unha hora a confirmar que non somos os únicos aos que lles presta visitar o Caurel. E foi mellor así. Xa reservaramos no Pontón e en Casa Veva; só quedaba dar, por casualidade, co Albergue A Reboleira en Fonfría, Pedrafita do Cebreiro.

Ao chegar sorprendeunos o edificio e encantounos a terraza. Antes xa nos chamara a atención a palloza ao outro lado da estrada. Coñecer a Lola e Dani confirmou que acertaramos co aloxamento. Mentres aproveitabamos o sol na terraza fíxonos gracia escoitar a Lola darlle o contrasinal da wifi a un dos peregrinos: “The password is Reboleira”. Abertos ao mundo si, pero sen esquecer quen son. Por certo: sabedes que é unha reboleira? Eu non tiña nin idea…

En canto puiden puxen o móbil a gravar. Comecei preguntándolles canto tempo levaban abertos pero a pregunta non importaba; víase que tiñan conto e historias que compartir. “Estamos abertos dende o 2004”. “Bueno, terás que comezar polo principio digo eu…”. Entón contaron que comezaran cunha casa rural con dúas habitacións dobres con baño, xa hai case que 20 anos, aínda que daquela vivían das vacas. “Aos teus pais non lles gustaban moito as vacas, sobre todo a túa nai…”. E decidiron montar un restaurante.

palloza_AReboleira

A idea para o restaurante era contruír unha palloza. Pero os canteiros e os construtores dagora non están moi afeitos a este tipo de construcións. “O seu pai (o de Dani), que é moi argalleiro, era o que daba as indicacións”. Non sabían se ía funcionar e ao final resultou que si. Por que? Lola suma o boom do turismo rural de hai uns anos, un sitio bonito, a contorna, a comida… As fins de semana tocaba botar unha man no restaurante, e comer ás 6 da tarde… “Acabounos gustando a cebola! Comías do que había”.

Das vacas ao restaurante, e do restaurante ao albergue. Non duraron moito tempo xuntos. Era moito traballo e “a xente quería durmir”. O que hoxe é o albergue antes era a nave das vacas e o abuelo xa botaba entón algo de herba no chan para que os peregrinos durmisen algo máis cómodos.

A Reboleira ten capacidade para 80 persoas: 6 habitacións dobres, 2 triples, unha sala para 32 persoas e outra para 24. Estades en pleno Camiño de Santiago, a 12 quilómetros do Cebreiro e “a medio camiño” entre os Ancares e a Serra do Caurel.

Seoane_Caurel

Ruta dende Seoane do Caurel

Xa sabedes que é unha reboleira? Si se sodes de preto de Fonfría si. Xa o di o dicionario: ‘Lugar poboado de rebolos’. E un rebolo (ou rebola) é sinónimo de carballo e reboleira, de carballeira. A palabra serve neste caso para conectarse á rede aínda que eu non o recomendo. Xa teredes tempo de compartir a viaxe. Antes gozade da contorna e da conversa.

Antes de marchar berráronnos “Non vos vayáis!”. Teremos que volver descubrir se aceptaron a primeira proposta que lles fixemos ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>