Ruta N-550

n-550

Foto Itrynottothink

Vale que as autopistas son cómodas e rápidas, pero non me podedes negar que o encanto dunha estrada de toda a vida é mil veces maior. (E coa subida das peaxes, máis).

Por motivos estudantís ou laborais, os últimos anos da miña vida pasaron ó longo da franxa atlántica da nosa terra, e as viaxes en tren ou coche eran o pan de cada semana. Nos últimos meses, que frecuentei bastante o traxecto Santiago de Compostela-Val da Louriña, fun rexeitando a AP-9 en favor da N-550.

A N-550 é a estrada nacional que discorre entre A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo e Tui. 180 km de lonxitude e unha morea de cousas interesantes polo camiño! Propóñovos subir no coche e ir facendo paradas a longo da ruta; vides comigo?

Tomamos a N-550 e saímos de Santiago por Milladoiro. A primeira parada é PADRÓN. Entrando por Iria Flavia atopamos a Colexiata de Santa María , onde destaca a adoración dos Reis Magos, e a Fundación Camilo José Cela, que alberga o legado do escritor, a cada marxe da N-550.

Santa María de Iria Flavia

Se continuamos a estrada chegamos xa ó centro de Padrón e pasaremos diante do Xardín Histórico Artístico, sen esquecer facer un desvío previo a man esquerda para ir a visitar a Casa-Museo Rosalía de Castro. Padrón ten máis lugares de interese histórico e artístico que ben merecen una post para eles sós.

De Padrón continuamos a estrada pasando por PONTECESURES e a súa ponte sobre o Río Ulla. Así chegaremos a VALGA. Ó paso por este municipio (e concretamente no lugar O Pino) atoparemos indicacións cara á Fervenza de Raxoi, enclave para disfrutar da natureza, que se pode complementar coa visita ós Muíños de Pedrafita e ós Petroglifos da Pedra do Serpe (todo no mesmo concello).

Deixando Valga, seguimos dirección sur pasando por CALDAS DE REIS e continuamos ata o concello de BARRO. Na mesma nacional atoparemos a indicación ata o Parque Natural do río Barosa. Xoia natural paréceme pouco para denominala. A auga, as rocas, os muíños e o verde das árbores son motivos de sobra para querer permanecer un rato no lugar. Ademais existe un roteiro de sendeirismo, por si vos apetece para outra xornada.

Parque Natural do Río Barosa.

Se seguimos pola N-550 chegaremos a vila bañada polo Río LérezPONTEVEDRA. A Alameda, A Illa das Esculturas, O Museo Provincial, a igrexa da Peregrina e as encantadoras praciñas da zona vella, daríanos tamén para outra completísima xornada e post.

Ao paso polo concello de SOUTOMAIOR podémonos decantar por baixar ao porto de Arcade ou desviarnos ó interior e visitar o fermosísimo castelo. Vale que non está na N-550, pero atopamos varias indicacións e ben paga a pena facer uns quilómetros de desvío para contemplar esta edificación testemuña das revoltas irmandiñas, así como os seus xardíns, declarados de excelencia internacional.

Castelo de Soutomaior

O seguinte tramo, dirección REDONDELA, pasando por Cesantes, é o meu preferiodo. As vistas da Ría de Vigo coa Illa de San Simón, a ponte de Rande e as Illas Cíes ó fondo forman unha estampa máxica.

Ponte de Rande e Illa de San Simón, dende Cesantes.

A nacional continúa polo Val da Louriña pasando por MOS e PORRIÑO. En Mos podemos visitar o seu pazo, onde cada ano ten lugar a festa ”Arde o Pazo”,  que revive o paso das tropas napoleónicas por terras mosenses. De Porriño podemos destacar as obras do coñecido arquitecto Antonio Palacios na sua vila natal. Eu baixo aquí, pero recoméndovos continuar ata TUI, vila histórica bañada polo río Miño, con zona monumental, a súa catedral e cunha ponte internacional a terras lusas.

Casa Consistorial do Porriño. Obra de Antonio Palacios.

Unha reflexión sobre “Ruta N-550

  1. Jorge

    Curioso, sobre todo no último ano en Santiago tamén optei pola nacional. Ver San Simón era chegar a casa, pero mancionaría tamén a ponte de Pontesampaio. Monumento e historia.

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>