Rumbo ó “Dragón de Indochina”, Vietnam, Iª parte

Ho Chi Minh motorizada

Quizáis pensando en deixar a guinda para o final, e para que nos fóramos de Vietnam cun bo sabor de boca, a viaxe organizada que emprendín hai mes e medio levoume do sur ó norte do país, da caótica e gris cidade de Ho chi Minh á paixaxe espectacular dunha das octavas maravillas do Mundo, a Bahía de Halong.

O chamado “Dragón de Indochina” supuxo para min a primeira toma de contacto co mundo asiático. Podería ter sido Xapón, China ou a tan turística Tailandia pero, por motivos que non veñen ó caso, o destino deparábame no pasado mes de outubro unha escapada de dez días ó país máis oriental do sudeste asiático.

Parella de noivos na sesión de fotos a escasos metros de Catedral de Notre Dame

En concordancia co expresado na entradilla, o percorrido por Vietnam foi algo así coma ir recibindo unha de cal e outra de area, aínda que iso sí, nun estado de mellaría continua e explícome.

Sur de Vietnam

Helicóptero e tanque usado polos americanos na guerra contra Vietnam

Probablemente porque como quen di rematou antonte –en 1975- Vietnam, os vietnamitas, está marcados pola guerra contra os americanos. En Ho Chi Minh, a cidade máis grande do país situada na zona sur, o Museo da Historia e o Guerra dan conta da barbarie que aínda se respira no ambiente da antiga Saigón e se escoita, falan da xesta cada vez que teñen ocasión, da voz dos guías que che fan o percorrido pola cidade. É difícil olvidar as instantáneas con vietnamitas que sufren horrorosas malformacións a causa do Axente Naranxa que,como querendo remover conciencias, habitan no Museo da Revolución. No seu exterior, helicópteros e tanques dos soldados estadounidenses dan conta da desvantaxa armamentística que tiñan os vietnamitas frente os seus inimigos, e a pesar do cal, lle gañaron a guerra.

Oficina de Correos de Ho Chi Minh

O Concello, a Casa da Ópera, a Catedral de Notre Dame do século XIX e o Correo Central completan a visita da cidade máis grande do país. A vida en Ho chi minh (10 millóns de persoas) faise na rúa, ó igual que na capital vietnamita, Hanoi. Os negocios sucédense baixo a baixo dos estreitos edificios que poboan a antiga Saigón. Resulta curioso ver como as beirarúas están ateigadas durante todo o día de baixas mesas e taburetes de plástico onde os vietnamitas fan as súas comidas ou descansan. Se decides rebasar estes obstáculos poñendo un pé na estrada ten moito coidado, porque a circulación de vehículos é moi densa, sobre todo de motocicletas –contan con arredor de 7 millóns tan só en Ho Chi Minh-, e non respeitan ningún tipo de norma circulatoria (non hai dirección prohibida, os cruces de vehículos son constantes e os pasos de cebra é como se non existisen). Recomendación para cando decidas cruzar: “non pares nin corras porque os distorsionas; se camiñas de forma continua, eles esquivarante”.

Nos pobos próximos ó delta do río Mekong é moi común que os lugareños se movan en bicicleta

No sur do país tamén se atopa o Delta do río Mekong. En continua expansión pola grande cantidade de barro que levan as súas augas, é na actualidade unha das zonas máis poboadas e productivas do país, o que o fai ser o máis importante graneiro de Vietnam.

Embarcación polo río Mekong

Os habitantes da zona tamén viven do turismo. Os visitantes non deixan escapar a posibilidade de subir a unha embarcación para percorrer os seus canais e descubrir así os pobos e mercados flotantes instalados ó longo do río. Nesta visita poidemos degustar as froitas tropicais vietnamitas así como a súa música tradicional. A venda de souvenirs completa a economía deste territorio.

Recreación de soldado vietnamita saíndo dun dos refuxios de Cu Chi

De novo volve a aparecer en escena o horror da contenda coa visita ós túneis de Cu Chi. Trátase dunha auténtica cidade de case 250 kilómetros construída baixo a selva vietnamita onde durante a guerra máis de 10.000 persoas das guerrillas do Viet Cong e civís se refuxiaron para sobrevivir ó ataque estadounidense. Resulta aterrecedor pensar nese modo de vida, en que poideran facer a súa vida neses estreitísimos habitáculos ós cales só podían acceder por entradas e túneis aínda máis estreitos hoxe en día ampliados para que os turistas poidan adentrarse neles. A complexión delgada e a baixa estatura dos vietnamitas axudan a entender o tamaño desta cidade excarvada baixo terra feita a modo de refuxio impenetrable para os inimigos.

mapa

Continuará…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>