Rumbo ó “Dragón de Indochina”, Vietnam, 2ª parte

Porto da cidade de Hoian

O centro de Vietnam

Un voo interno de pouco máis dunha hora desde Saigón levounos ó aeroporto de Danang, situado no centro do país. Esa zona está ateigada de resorts de ensoño a pé de praia. O hotel Palm Garden Resort foi no que nos aloxamos. Durante dous días o escenario completárono grandes piscinas e espazos abertos con distintos establecementos de restauración para degustar comida típica vietnamita escoitando as ondas do mar.

Ponte xaponés Patrimonio da Humanidade situado en Hoian

A escasos kilómetros de Danang atópase unha das cidades máis belas do país, Hoian. Nela cóntanse 226 monumentos de interés histórico que están sendo restaurados coa axuda da UNESCO (os edificios e outros desconchados na súa maioría son o reflexo dun pasado de esplendor) no que destaca a Ponte Cuberta Xaponesa construída en 1593.

O Buda feliz

Perderte polos barrios antigos de Hoian ata chegar ó paseo do porto supón unha auténtica delicia. A visita cultural ó Museo de Hoian, a Pagoda Phuoc Kien ou a Casa Tan Ky, con 200 anos de antigüidade, preceden ó tempo das compras polo gran mercadillo que poboa os baixos da cidade. Resulta tentador poderte facer o teu propio vestido á medida –lévancho probar ó hotel e ó día seguinte telo en recepción antes da hora de saída- ou comprar coloridas lámpadas típicas vietnamietas ou caixas con palillos de madeira para poder comer o tan socorrido arroz.

Ponte con forma de dragón en Danang

A visita ó centro do país rematou simulando unha volta ó pasado co traslado a My Son. Trátase das ruinas de preto de 70 templos e torres interconectadas, feitas de ladrillos vermellos e construídas entre o século IV e o XII. Aínda que a fama a leva o templo de Angkor Wat, situado no seu país veciño, Camboya, My Son é recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO desde 1999. Desde a miña perspectiva, máis impresionante que as construcións en sí, resulta o enclave no que se sitúan, rodeado de montañas, sin posible escapatoria, tratando de emerxer entre a vexetación.

Restos do templo de My Son

A medida que vas avanzando na viaxe vaise instalando en ti unha sensación agridoce. E é que intúes a grandiosidade e magna beleza que deberon ter no pasado os puntos turísticos presentados como estelares do país, pero que presentan un aspecto totalmente descoidado na actualidade. O Vietnam de hoxe en día, fillo dunha guerra devastadora que rematou antonte, loita por convertirse nun país moderno.

Rumbo ó “Dragón de Indochina”, Vietnam, 1ª parte

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>