Praias de Cádiz. Top 5.

Que levante a man o que foi este verán a Cádiz. Si, imaxinábao, xa vin as fotos que a metade de vós colgastes nas rrss. Todos visitando as mesmas praias, paseando polos mesmos pobos, comendo a mesma comida (isto último sempre reservado para instagram, xa abonda!). Será acaso como cando estás embarazada e tes un radar para o resto de embarazadas? Dá igual, o caso é que, farta da calor madrileña e a choiva galega, eu tamén me fun a Cádiz buscando sol e praia nun mesmo sitio, e atopeino, por iso tráiovos a miña ranquin de praias gaditanas. Vexamos se estamos todos de acordo.

5. El Palmar. Ocupando o derradeiro posto da lista está a praia do Palmar. Xa que o noso campamento base estaba en Vejer (pobo moi recomendable) pasamos a mañá do último día nesta praia. É a máis “equipada” das cinco: duchas (o único sitio no que vimos), restaurantes, socorristas, aparcadoiro (de pagamento) ou supermercado. E non me entendades mal, todo isto paréceme estupendo, sobre todo o das duchas, pero tanto servizo augura un grao menos de natureza virxe e moita (moita) xente. E así é.

4. Praias de Caños de Meca. Amencemos no maleteiro dun coche a beiras da praia de La Laja. Idílico? Si. Mesmo o de durmir nun maleteiro. Pero escollemos a peor praia da zona así que pronto escapamos dirección Faro de Trafalgar. De leste a oeste as praias de Caños de Meca son: Praia de Castillejos ou El Pirata, considerada a praia por excelencia de Caños de Meca debido á súa situación fronte ao “pobo”, a máis concorrida, encontrarás pequenas calas e os famosos canos que dan nome ao lugar ao oeste desta. Praia de La Laja, o patiño feo, paralela á Avenida Trafalgar, aínda que tamén poderiamos dicir “paralela a Caños de Meca”, que non vos enganen, porque esta estrada con bloques de apartamentos, locais nocturnos e algún posto hippy, é todo o “pobo” que ides atopar. A Marisucia e a Praia do Faro Trafalgar, separadas polo faro que dá nome á segunda, accédese pola estrada que se dirixe a este. Na miña opinión, a mellor opción na zona é decantarse por unha das dúas. Marisucia, de area clara, está rodeada de piñeirais e unha duna (lembrade este dato cando leades o meu próximo post); a do Faro Trafalgar, de similar area, respira paz e tranquilidade, aínda que as augas son máis axitadas arredor do faro así que precaución. Aviso, o aparcadoiro son 3 euros e a multa 300 euros, ti elixes.

3. Calas de Conil. Miúdo máster fixemos para escoller a cal ir a noite antes. Tiñamos mono de cala. Tedes as calas de levante (Camacho, Sudario, Pitones, Melchor e Cala del Aceite) e as calas de poñente ou Roche (Cala del Faro, Tio Juan de Medina, El Pato, El Frailecillo, El Aspero, El Encendido). Nós, tras analizar este superútil link e emborracharnos de fotos (algún mojito tamén caeu), decantámonos pola Del Pato convencidos polo seu pequeno tamaño, os seus avermellados cantís e a súa comunicación co resto ao baixar a marea. Ao longo das calas hai bo aparcadoiro, iso si, por un euro de “vontade”.

2. Praia “de los Alemanes”. Cando me atopei nadando nas súas cristalinas augas e mirando cara á costa pensei, “se tivese diñeiro e puidese, tamén sucumbiría construíndome unha casa nas ladeiras destas montañas? ” Estes salpicados chalés relegan a praia ao segundo posto. É grazas a que non encontrei alemáns (nin moita máis xente), a súa extensión, estar afastada de todo (leva auga e bocata), o aparcadoiro gratuíto, as súas augas cristalinas ou a súa clara e fina area polo que consegue a prata.

1. Praia de Bolonia. Cando un sitio é perfecto hai pouco que engadir ao adxectivo. Só facemos que empeoralo. Non o aliñarei con cualificativos, isto é o que hai: unha extensión virxe de case 4 km de longo e 70 m de ancho, pouca xente, as ruínas dunha antiga cidade romana, unha duna, un piñeiral… e moita auga. Ah! E amigos senegaleses vendendo de todo ao berro de “que pasa “pixa”? ” Unha auténtica gozada!

Bonus Track. Os vigueses podemos gozar dun dos atardeceres máis marabillosas do mundo ao ver o sol esconderse, tras as Illas Cíes, na Ría de Vigo. Escoitei un berro competitivo por parte dos gaditanos (vale, pode que só eu o escoitase) e propúxenme coñecer ao rival. Recorrendo a un topicazo funme a Tarifa. Na praia de Los Lances, sentada nun confortable puf, escoitando música chill out (isto é mentira, chegou a soar Camela) e mojito en man (papá non foron tantos, é retórica) isto é o que vin. Vigueses… os gaditanos non nos chegan nin á punta do zapato.

Los Lances

Non sei se vos terá acontecido o mesmo, pero este percorrido gaditano-praieiro fíxome reconciliar coa costa andaluza, e é o mellor de toda a viaxe. Praias enormes, virxes, escondidas, medio baleiras, cristalinas, que aceptan o nudismo, con cans (moitos e educados), de areas finas. Iso é o que atoparás na costa de Cádiz. Pero volvemos a Madrid e “vaya vaya, aquí no hay playa”.

2 reflexións sobre “Praias de Cádiz. Top 5.

  1. Miguel

    Gran post, si señora!!!

    Tres veráns atrás andiven por esa costa, e na primavera anterior por Cádiz capital, e a verdade é que quedei con moitas ganas de volver. Este post fíxome recordar que algún día terei que volver. Pena que este verán xa se nos vai…

    Responder
    1. Vicky

      Grazas Miguel! O verán váisenos pero hai que rascarlle ata o final como sexa! E no sur inda acostuman a darnos uns días máis de marxe co sol. Eu e que son máxima defensora das vacacións en setembro… a vágoa é que non o son tanto na miña empresa :)

      Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>