Para ser conductor de primeira únete a blablacar

Dende que me mudei novamente á capital recorro á compaixón dalgúns amigos con coche para as miñas escasas visitas ao fogar familiar. Deste modo fun perfeccionando o rol da eterna copiloto que non cala en toda a viaxe. En numerosas ocasións tamén me toca desprazarme en tren ou autobús e é precisamente neses momentos cando se desperdicia o meu “verborréico” don. Pero atopéi a solución. Como é posible que alguén como eu aínda non probase o blablacar?


Frédéric Mazzela é o cerebro desta idea. Como nos aconteceu a moitos, ao querer volver á casa por Nadal encontrouse con que xa non quedaban prazas de autobús nin de tren, ademais, decatouse de que as estradas estaban cheas de coches nos que só viaxaba o conductor. E con esta anécdota como semente naceu a web.

Unha web na que, do modo máis sinxelo, se pon en contacto a condutores e pasaxeiros, dándolles a posibilidade de viaxar xuntos compartindo gastos e experiencias. Se es pasaxeiro o primeiro que debes facer é rexistrarte, ao introducir os datos da túa viaxe (datas e traxecto) descubrirás se algún condutor publicou unha demanda, nela figurará o coche que leva, que idade ten ou cando pide por praza entre outros datos, de interesarte, só queda “clickar” en “contacta en privado”, darache a opción de facelo por mensaxe privada ou directamente ao seu móbil persoal. Para as mulleres máis inseguras ou remisas direivos que hai unha opción de só mulleres, un coche cheo de hormonas femininas, iso si que é un blablacar en estado puro.

En canto á forma de pagamento, que moitos vos estaredes a preguntar, polo momento o prezo acórdase previamente e págase en metálico o día da viaxe. Non obstante, este sistema mellorarase ao longo de 2014, o que se pretende é que o pagamento se faga online (a web quedaríase o 10%) pois, deste modo, se ofrece aos condutores un seguro de que o pasaxeiro asistirá. Para ofrecerlle a mesma garantía ao viaxeiro, a web reterá o diñeiro ata o final da viaxe, só entón, cando se confirme que todo foi segundo o previsto, se realizará o ingreso ao condutor.

Coñecín esta web en Francia onde moitos amigos o usaban habitualmente, o país veciño é o primeiro no que se puxo en marcha e no que mellor funciona, seguido de España onde está a comezar a ser tremendamente popular, e é que non hai mellor modo de recortar gastos, coñecer xente e contaminar menos. Digamos que é o autostop do século XXI.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>