Palestina – Caderno de bitácora (IX)

Equipo costeiro con Rosa e Aya en Hebron

Equipo costeiro con Rosa e Aya en Hebron

16 de agosto de 2011

De Nablus a Hebron, ou Al Hilal, despois de coller un taxi compartido, un “service” (furgoneta para viaxeiros que sería ideal para unha zona como a da Costa da Morte), atravesar o checkpoint de Qualqiya a pé, e coller un bus ata Xerusalem, un novo cara Belén, e outro “service” ata Hebrón. Toda unha tarde para 80 quilómetros de distancia entre dúas cidades palestinas.

A primeira noite vivimos un episodio curioso. Un grupo de 8 ou 10 mozos adolescentes abalánzanse sobre nós a berros. En calquera outro lugar do mundo a adrenalina subiría ata o queixo, pero aquí a tranquildade, e o seu sorriso, non fan nin pensar en clave de medo. “Where are you from?” preguntan. “España?! Madrid or Barcelona?”.

Pasamos o día seguinte coa familia de Rosa, unha galega-aragonesa, casada cun palestino dende hai 35 anos. Coñecéronse na universidade, en Zaragoza, e Rosa non pensa voltar. Musulmana conversa, ensina os entresixos de Hebron xunto ca súa neta, Aya.

Visitando as casas da familia de Hebron fumos asaltados polo exercito de contado

Visitando as casas da familia de Hebron fumos asaltados polo exercito de contado

O paseo comeza polo lugar que fai Al Hilal singular: o asentamento colono situado no centro da cidade, na parte alta da cidade. Adentrámonos buscando a casa da familia do marido de Rosa, Sahed, onde a propia Aya lembra xogar ata hai 17 anos. Dende aquela, nunca volveran ata aló. Pero cando nos diriximos a ela, tras pasar o checkpoint, e baixo a eterna vixiancia das cámaras, un grupo de 4 militares repítennos por 4 veces un escueto “You can not pass over here. You have to come back”. Dende o alto comprobamos como o goberno israelí repite a estratexia de ocupación, casa por casa, facendo círculos e acordoando as zonas que quedan no seu “interior”.

Vistas de Hebron con máis bandeiras israelis

Vistas de Hebron con mais bandeiras israelis que palestinas

 

Entrada ao asentamento colono no centro de Hebron

Entrada ao asentamento colono no centro de Hebrón

 

Os colonos botan merda no mercado central de hebron

Incrible, pero certo. Os colonos botan merda no zoco de Hebrón dende o seu edificio, que linda co mercado

A “convivencia” é terrible. Os enfrontamentos son constantes. As rúas están circundadas por barreiras, que separan persoas. E sen embargo, en 100 metros podes pasar de entrar a unha mezquita, a unha sinagoga. De feito, son a mesma. A tumba do Patriarca Abraham é compartida por xudeos e musulmans, pero son os israelís os que controlan a entrada por ambas partes.

A fronteira do asentamento linda coa rúa principal do zoco. Unha verxa situada a 4 metros de altura serve de escombreira, pero polo menos evita o lixo que os colonos lanzan polas ventás para molestar e humillar aos palestinos. Algunhas das casas fronteirizas quedan baleiras pois non todos poden manter este ritmo de guerra. De feito, os palestinos máis ricos, emigran en canto poden. Os que quedan soen ser familias pobres, sen fogar, que exercen unha labor de resistencia a cambio dun teito e un pequeno soldo, malia que a humillación non se poida mercar. De feito, os prezos son máis baratos abaixo, no zoco, que arriba, no ensanche, para animar a xente que siga baixando a mercar aos postos, sendo este un símbolo máis da loita de resistencia.

A loita tamen e resistir no soho de Hebron

A loita tamen implica resistir no soho de Hebron

Acabamos a sesión na casa de Sahed e Rosa, nun tranquilo val de olivos a 5 quilómetros do centro. Rosa explícanos o cambio de rumbo da política do consulado español dende que no 2005 firmase España un convenio con Israel. Daquela, e tras pasar varios anos de continuo contacto e apoio, un tal señor Ochoa, do propio Ministerio de Exteriores, explícalle a Rosa: – “Xa sabes, Rosa, que o forte sempre se come ao débil”.

A cea transcorre entre versos do Corán, pero a experiencia de coñecer unha familia de primeira man, conleva isto tamén.

Fin dun inferno e comezo doutro

Aquí rematou a nosa aventura por terras palestinas. Fartos (máis ben, exhaustos) xa de traxedias, de tanto chorar, decidimos adicar os últimos 4 días da viaxe a viaxar por territorio israelí. Mala decisión, pero é que era a primeira vez que un tiña máis gañas de voltar a casa que de seguir viaxando… Polo que non había moita alterantiva.

Chamamos a “Yisus” e seguimos os seus pasos por zonas como Haifa, Acre, Nazareth, a illa palestina e territorio ocupado de Jericó, onde pasou 40 días e 40 noites e o demonio o tentou.
Visitamos tamén o Mar Morto, cheo de sal e de barros exfoliantes, todos en zonas privadas explotadas polo goberno israelí. Parada perfectamente evitable, por certo, a pesar de que nos deixou algunha que outra risa máis de desesperación que de alegría.

Estampas facilmente evitables no Mar Morto

Estampas facilmente evitables no Mar Morto

Volveremos? Pois a verdade é que non o podo asegurar…

Palestina – Caderno de Bitácora

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>