Nova York e París, de cine

nycineEncantoume o post de Tugui no que nos invitaba a novelar as nosas viaxes. Gústame a idea de darlle unha volta á realidade antes de consumila coma sempre. Viaxar a París despois de ler O Perfume non é o mesmo. Despois de ver Amélie tampouco…

Adiántovos que estou traballando nunha lista de películas que invitan a viaxar aos lugares nos que están ambientadas. Nesas andaba cando escoitei na radio unha entrevista a María Adell.

É unha das autoras de Nueva York de cine. Unha invitación a coñecer a cidade a través de 55 localizacións de clásicos do cine e películas actuais. Todos “estivemos” en Central Park, no Empire State ou na Quinta Avenida; libro en man, viaxamos agora á Nova York real seguindo as pegadas dalgunhas das moitas rodaxes que acolleu.

Cada localización inclúe unha foto, unha descrición da escena da película e información útil (horarios, como chegar, etc.). Poderedes visitar o apartamento de Audrey Hepburn en Almorzo con diamantes, sentarvos no banco no que se namoran Woody Allen e Diane Keaton en Manhattan, ou visitar a estación de bombeiros de Cazafantasmas. Tamén podedes revivir filmes máis actuais como Cisne negro, Revolutionary road, Spiderman…

Nos últimos capítulos, afóndase na Nova York dos superheroes e viláns, e na cidade na que transcorren tantas e tantas series de televisión cheas de taxis amarelos, amplias avenidas e rañaceos.

pariscineSen saír da colección de libros, viaxamos de Nova York a París. O sistema é o mesmo: foto, descrición da escena e información práctica. Tamén coinciden o número de localizacións. Cambiamos, iso si, a Woody Allen e Diane Keaton por Jean-Paul Belmondo e Jean Seberg paseando polos Campos Elíseos en Ao final da escapada. Seguimos contando con Audrey Hepburn pero cambiamos Almorzo con diamantes por Charada. Máis adiante no tempo, detémonos no bar no que traballa Amélie ou pisamos o piso franco de Jason Bourne (O Caso Bourne).

O final do libro resérvase, neste caso, para un percorrido por París a través das súas liñas de metro, e para unha lista dos escenarios máis románticos da cidade.

O seguinte paso é compartir con vós unha lista de filmes que espertaron en min as ganas de viaxar aos lugares nos que están ambientados. Non serei eu quen recomende a viaxe senón Jean-Pierre Jeunet, Peter Weir ou Roger Michell.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>