Mexicali, a cidade do sol (I)

Atardeceres anaranxados misturados coa polución

Mexicali é denominada polos menos cercanos a ela como “a cidade do sol ” (e razón non lles falta),  polos que a habitan, como a “terra cachanilla”, e por aqueles que vivimos durante casi seis meses e nos namoramos perdidamente dela, como a súa segunda casa, incluso as veces, primeira.

Esta cidade sitúase ao norte da Baixa California facendo fronteira cos EEUU. É un vil deserto que conta con case 100.000 habitantes dende fai tan só uns cento e pico anos, na cal son habituais os terremotos, os postos de tacos e os restaurantes ca mellor comida china que nunca puidésedes probar; pero as características máis superficiais as podedes atopar no famoso Google, así que continuarei ca miña experiencia neste fermoso (máis adiante saberedes o porque) lugar.

A chegada a Mexicali foi mortífera. Imaxinádevos a dúas galegas a máis de corenta grados centígrados despois de case dous días de andainas para chegar a San Diego (EEUU), as cales, ao final (non nos quedou outra), se acabaron acostumando demasiado o sol e non soportaron a choiva á súa volta a Galicia.

Recordando esta terra de area, venme a cabeza o primeiro que sentín ao chegar: asfixia. Non había mar, e o ceo, a pesar de ser fermoso, non transmitía esa pureza e limpeza que encontramos na nosa querida Costa da Morte; pero isto, día a día, pouco importou, porque a beleza deste mundo de po, estaría moi escondida, e iríamos descubríndoa pouco a pouco.

A miña experiencia de Intercambio Bilateral, foi, descrita nunha palabra, INCRÍBLE. Cando digo esta palabra, non podo ter só en conta as amizades multiculturais que forxei aló e que me ensinaron moito da vida noutros lugares, senón que debo mencionar todo o referente a terra mexicana da fronteira, americanizada pola proximidade aos EEUU, tanto na cultura, coma no idioma ou incluso na forma de ser dos mexicalenses. 

Aínda así, os cachanillas (tamén xentilicio do lugar) fan da súa terra un verdadeiro sinal de identidade, comezando coa súa solidariedade cos extranxeiros, que invita a que pouco a pouco, os recén chegados sintan que tamén pertencen a ela. Coñecendo e poñendo en práctica as súas costumes e os seus valores, moi diferenciados aos que estaba acostumada, dinme conta de que non só aprendín algo diferente ao meu, senón que tamén comecei a interesarme e a valorar máis  o de cerca, o da casa.

En Mexicali non hai monumentos impresionantes, ni prazas despampanantes, nin esculturas que sexan de gran interese turístico, ou polo menos, que os seus cidadáns consideren como tal cando lle pregunta unha persoa non nativa, pero tamén é certo que ás veces, temos ao noso carón marabillas nas que non reparamos.

Unha que a min me pareceu inmensamente admirable, é a súa praza de touros, tamén coñecida por Praza Calafia. Quizais me sorprendeu por esa desidia, por esa pouca atención que lle prestan os de alí a pesar de ser fermosa. O máis significativo son os cristaliños de cores que conforman o nome da cidade que decoran o muro exterior, dándolle un brillo especial e iluminando a zona pouco decorada na que se atopa. 

Praza Calafia, símbolo da capital de Baixa California

Se preguntas por algo distintivo, sen dúbida che falaran da súa montaña rochosa chamada “A Rumorosa”, á que admiran por encima de todo ata que a soben a pé (custa o seu),  aínda que  os que o conseguen, se retrotaen deste xuízo dicindo que compensa polas vistas que dende alí se nos ofrecen. 

Carne asada

Carne asada con chiles amarelos

Ademáis de ser unha ruta de sendeirismo tradicional, esta montaña préstase ao divertimento, tanto a 40 grados centígrados no verán para facer unha típica carne asada cos amigos e a familia, coma no inverno cando as temperaturas descenden considerablemente e nos ofrecen unha branca paisaxe.

Como xa vos comentei, máis de un me dicía que as vistas dende alí eran inmellorables, e aínda que a subida non foi nada levadeira, a metade do camiño puidemos desfrutar dunhas das mellores paisaxes, aquelas que tanto prometían e que por suposto, non defraudaron. E xa non só iso, creo que dende este recorrido me familiaricei un pouco máis co deserto e co po, e polo tanto, me sentín un pouco máis cachanilla do que xa acostumaba a ser.

 

Subida a pé a Rumorosa.

Tamén visitei o Bosque da Cidadeo cal conta con un dos poucos lagos que se poden ver na cidade, por non dicir o único, rodeado dunha gran zona verde. Estas paisaxes, son ben difíciles de atopar neste deserto sen fin, por iso ao mellor, foi aquí onde se estableceu un pequeno zoolóxico no que podemos atopar animais variopintos.

Entrada ao Bosque da Cidade

A visita pode ser un bo plan para desfrutar en familia, se sodes amantes dos animais, ou se simplemente queredes divertirvos  e facer algo diferente a pequena escala, xa sexa deixando o medo a un lado e montándovos na súa tirolina, ou máis relaxado remando na compaña dos seus coloridos patos.

Como xa dixen, a variedade de lugares culturais que ofrece Mexicali non é demasiado abundante, pois debemos ter en conta que é unha cidade relativamente nova  e que ademais o clima non o favorece. A pesar dos contratempos, os cachanillas teñen sempre algo que facer, aínda que na maioría dos casos se limite a dúas cousas: “pistear” (beber, cervexa a poder ser) ou ir ao cine (o cambio dos pesos fai que sexa bastante máis asequible), pero sempre teñen alternativa, para todo.

Polo tanto, espero que o meu primeiro post de introdución sobre este “pequeno” recuncho de Baixa California, totalmente novo para algúns de seguro, vos motive a visitar sitios totalmente opostos ao que xa coñecedes ou nos que vivides, empuxándovos a explorar lugares máis ben descoñecidos que coñecidos.

E recordade, aínda que nun primeiro momento o pánico e o cambio radical asusten, pronto vos daredes de conta de que o lugar no que te atopaches ou atopas,  resultou ou resulta ser máis amable e acolledor do que nun primeiro momento chegaches a pensar.

 

Mural dunha tenda mexicana

As seguintes doses, falaran un pouco máis de sentimentos e de pequenos momentos e recunchos que fixeron especial Mexicali para min, esperando así que vos acerques a coñecer un pouco esta cultura/sociedade que tanto xuzgamos a priori e da que realmente descoñecemos non todo, pero case.

 

 

 


Unha reflexión sobre “Mexicali, a cidade do sol (I)

  1. xoel

    Moi bonitas verbas que describen o que de seguro foi unha gran viaxe. As experiencias ricas de verdade son as que non se olvidan nunca. Non é cuestión de non deixar de soñar, e cuestión de compartir o soño e non despertar xamais. Gracias por compartir parte da túa experiencia!

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>