Las Arribes, un balcón ao Douro

O miradoiro Peña de Águila está situado a uns tres quilómetros da poboación de Mieza

No anterior post quedaramos en Salamanca, concretamente cun bocata de xamón ibérico nas mans. Este é o momento de metelo na mochila e poñer rumbo cara Las Arribes del Duero. Situado no oeste de Zamora e Salamanca, onde o Douro fai fronteira con Portugal, o parque natural Arribes del Duero é un espazo natural privilexiado no que destacan a beleza da súa paisaxe granítica e unhas ricas e variadas floras e fauna.

Para os que coñecedes a Ribeira Sacra –que agardo que a estas alturas sexades todos os que estades a ler este post- é inevitable non atopar similitudes con esta zona, na que contrasta a superficie chaira que posúe unha altitude bastante uniforme (uns 800 metros) cos profundos canóns labrados pola rede fluvial.

Miradoiro de La Code, un dos máis fermosos sobre o río Douro nas Arribes

Las Arribes del Duero conta cunha suave penechaira onde a acción erosiva do Douro foi labrando os granitos e as rocas metamórficas, xerando profundos e escarpados canóns con desniveis de máis de 200 metros de altura. Son estes os chamados arribes.

Precisamente o contraste entre a penechaira e os canóns fluviais xerou un microclima máis cálido, que foi aproveitado polo o home para o cultivo a través de bancais. Así, nesta zona pódense ver oliveiras, viñas, amendoeiras e outras árbores froiteiras típicas do clima Mediterráneo, mentres que sobre a penechaira aciñeirais e rebolares son as dúas formacións forestais predominantes. Las Arribes tamén é fogar de gran cantidade de aves como a cegoña negra, o aguia real ou o voitre leonado, ademais de corzos, xabarís, nutrias…

O parque natural das Arribes garda certa similitude coa Ribeira Sacra

Podedes gozar dunhas amplas vistas panorámicas por terra e auga, ben empregando os diversos miradoiros cos que conta (Peña del Águila, La Code, El Colagón del Tío Paco, El Cura ou Peña de la Salve), ou ben dende o propio Douro, facendo uso das rutas fluviais que hai programadas durante todo o ano, xa que a gran riqueza biolóxica coa que conta esta zona fai que os distintos cambios estacionais ofrezan unha variada paisaxe. Durante a travesía unha guía daravos información sobre fauna, flora, xeoloxía, etnografía e outros aspectos do Arribe para que non perdades detalle desta zona!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>