Hey man – Amen: Unha misa gospel en Harlem

Misa Gospel na First Corinthian Baptist Church FCBC-Harlem-NY

Misa Gospel na First Corinthian Baptist Church FCBC-Harlem-NY

Menuda pasada. Se vivo en Harlem sería baptista seguro. Eu que son máis ateo que dios, con tantas apertas, biquiños, saúdos agarimosos, bailes… Seguro que non me podería conter e acodiría como un acólito máis cada domingo á Igrexa.

Aló marchamos, cara Harlem, unha boa mañá dominical despois de bucear na rede para ver que igrexas eran as menos famosas. Disque canto máis pequenas, maior é o encanto. Pero o que nos quedou claro é que en calquera das ducias de igrexas baptistas (máis ben teatros) do barrio, hai lío.

Harlem Apollo Theater

O Apollo Theater, berce de ducias de estrellas afroamericanas

Saímos do metro e baixo o frío paseamos un rato comprobando como os prezos cambian radicalmente de Brooklyn ou Manhatan.

Parada obrigatoria no Teatro Apollo, un deses grandes clásicos da música mundial, con especial tendencia afroamericana, onde naceron grandes estrellas como Mickael Jackson, James Brown, e un longo etcétera. Mágoa que xusto o primeiro mércores do ano non había, pero que gañas tiñamos de irt a unha desas “Wednesday Amateur Night”, nas que as novas promesas saltan ao escenario.

Igrexa teatro da First Corinthian Baptist Church FCBC en Harlem-NY

Igrexa teatro da First Corinthian Baptist Church FCBC en Harlem

Seica a Abyssinian Baptist Church está estupenda, pero demasiado ateigada de turistas. Ou a Metropolitan Baptist Church, a Canaan Baptist Church, ou máis ímntima Shiloh Baptist Church. Pero tras varios cortexos, escollemos a First Corinthian Baptist Church (FCBC), no 1912 da Adam Clayton Powell Jr. Boulevard. A primeira impresión foi terrible. A cola de turistas extendíase máis 100 metros…

Nada máis colocarse, o controlador da cola danos a benvida no medio da rúa, e entréganos un pequeno sobre onde colocaremos a nosa doazón indicando, se queremos, para que queres que se destine. Pasa unha hora e comeza o desfile dos locais que saen da primeira “función”. Fermosa estampa, as familias afroamericanas de domingo… Como na Costa da Morte pero noutra cor!

Cola na Misa Gospel na First Corinthian Baptist Church FCBC-Harlem-NY

Cola na Misa Gospel na First Corinthian Baptist Church FCBC

 

Sobre para a doazon na Misa Gospel na First Corinthian Baptist Church FCBC-Harlem-NY

Sobre para a doazon na Misa Gospel na First Corinthian Baptist Church FCBC-Harlem-NY

A entrada é coma se fóra un teatro ao uso. Os máis de 300 turistas subimos á Galería, pero ducias de veciños locais son colocados intercaladamente para integrarnos. Parece que todo está organizado para que todo o mundo salga contento do show.

A función empeza a golpe de gospel. Increscendo comezan suaves e van crecendo en ritmo e intensidade. O cantante principal ten unha pinta de rapeiro que Puff Daddy, e imaxinamos como son esas fichaxes de inverno entre unha igrexa e outra… Porque isto ten que ser un mercado como o da championsleague… Fantástico o gospel, coa xente en pé bailando e cantando o “You’re amazing” con verdadeiro feeling, como podedes comprobar no vídeo.

Pastor na Misa Gospel na First Corinthian Baptist Church FCBC-Harlem-NY

Pastor na Misa Gospel na First Corinthian Baptist Church FCBC

A directora do grupo, en plan Whoopie Goldberg, toca o piano incriblemente, e antes de dar paso ao Pastor Michael A. Waldrond Jr. (era o seu debut, por certo, que debeu ser a fichaxe estrella do mercado inernal), cántase unha canción espectacular. O Pastor parece sacado dun “late night show”. Podería estar presentando o magazine de turno, pero está aquí, na igrexa, dando un speech impresionante. Coñece todos os fundamentos principais da oratoria. Comeza, entre unha calurosísima acollida, vacilando ao persoal, lanzando bromitas que fan rir a todos os locais (que difícil o inglés de Harlem…). É aí cando confundo o “Amen” co “Hey man!”

Pouco a pouco vai baixando o ton, ponse serio cando toca falar de “Moises”, pero levanta o ton de cando en vez para manter a atención… Pero se están todos rendidos?!!! A xente, con cada boa frase, aplaude, érguese, berra un “Yeah man!”… Namorados quedamos dun home que debía estar celebrando a comunión dun fillo, como bailaba, berraba, respondía… ás plegarias do moderno Pastor. Outras apuntan nunha libreta ou mesmo na tableta…

Hora e media de discurso non cho quita ninguén, a non ser que marches polo medio… De feito, moitos turistas foron caendo e os seus postos eran recollidos por veciños da zona que ían chegando e que facían máis auténtica a atmósfera deste teatro con capacidade para máis de 500 persoas chamado “church”.

Remata e de novo outra sesión de gospel. Espectacular! Haberá que voltar.

Apuntando na misa gospel de Harlem

Apuntando na misa gospel de Harlem

Aquí vos deixo cun vídeo que fixemos da viaxe, con varias paradas fantásticas, como o solemne himno no Madison Square Garden nun partido dos Knicks, a misa gospel, ou os incrobles músicos do metro ou da rúa:

Máis de NYC

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>