Galegos no mundo: Ana Mochilera en Nova Zelanda

 

Processed with Rookie
Hoxe traio ao blog a unha convidada moi especial. Ela é AnaMochilera, do blog “Mochileo Low Cost”, unha galega, que xunto ao seu mozo andaluz, adícase a ver mundo. A sua última aventura: Nova Zelanda. Velaquí a entrevista que lles fixen. Se estades pensando en partir hacia as antípodas, non lle perdades a pista no seu blog: todos os detalles para conseguir este visado, consellos antes de partir, o que están visitando alí, como viven…

Onde vivides?

Actualmente estamos vivindo as aforas de Cromwell, unha vila de 4000 habitantes no corazón da Illa Sur de Nova Zelanda.

Por que estades aí?

Coa crisis en España e buscando unha alternativa a España e Europa, comentáronnos a posibilidade de conseguir un visado de traballo e vacacións en Nova Zelanda. O visado “Working Holiday Visa” permite estar un ano no país, durante o cal estache permitido traballar seis meses. A velocidade á hora de encher o formulario é o que che permite conseguir unha plaza entre as 200 que se ofertan para menores de 30 anos.

A furgo que compramos ao chegar a Nova Zelanda

A furgo que compramos ao chegar a Nova Zelanda.

Unha vez que chegamos e solucionamos o papeleo para poder empezar a traballar, viaxamos polo norte do país coa nosa recén comprada furgoneta e dúas semanas despois xa estabamos traballando. Estivemos dous meses na recollida de peras e mazás, nas que pudimos coñecer e traballar con xente de moitos lugares distintos (Vanuatu, Finlandia, India, Samoa, Alemania, Fidji, etcétera). Despois desta experiencia tocaba viaxar e recorrer a illa Sur durante un mes. Tras este descanso e despois dunha semana buscando, atopamos traballo podando viñas, onde levamos os últimos catro meses.

Como chegastes?

Nova Zelanda está nas antípodas de Galicia, así que chegar ata aquí supón moitas horas de voo e varias escalas. Como somos adictos a viaxar aproveitamos estas paradas para visitar Amsterdam, Abu Dhabi, Dubai, Kuala Lumpur e o aeroporto de Melbourne. Cinco días de viaxe que nos permitiu non sufrir o temido jet lag gracias aos cambios de hora que fumos facendo en cada parada.

Por canto tempo vades estar?

Aínda que a estancia máxima que permite este visado é dun ano, imos estar nove meses, faremos un parón de dous meses para as vacacións de Nadal e logo volveremos para traballar tres meses. Estes meses “extra” son unha extensión que ofrece o visado para os que traballaran polo menos tres meses nalgún traballo no campo, así que o aproveitaremos para alongar a experiencia e ter máis ingresos.

Processed with Rookie

Describe o país brevemente, qué é o que más che gusta? E o que menos?

Se hai que definir Nova Zelanda cunha palabra esta é natureza. E esta natureza non é como a entendemos en Europa, onde vas para aislarte da civilización. Aquí apenas hai grandes cidades (menos aínda na Illa Sur) e as extensións de terreo sin urbanizar é o que máis predomina. Lagoas, montañas, bosques, fiordos, praias, animais, etc. todo esto é a norma e non a excepción.

O que máis nos gusta é a tranquilidade, que á vez convértese no que menos nos gusta. Para entendernos: as veces bótase de menos pasear por unha rúa de tendas, terrazas e xentío, ter máis oferta de lecer e máis vida urbana. Porén, ao final acábanos compensado a tranquilidade da vida neozelandesa con respecto á vida que levabamos en España. Dito isto, este non será o noso fogar definitivo.

Processed with Rookie

Como é a xente alí? O que máis che gusta e o que menos deeles

Hospitalarios, honestos e vólcanse cos de fora, sexan de onde sexan, polo menos segundo a nosa experiencia. Ademais son persoas ás que a apariencia e o material traelles sen coidado. Por exemplo: se hai que ir ao supermercado descalzo vaise e a dependencia dos móbiles e as redes sociais está comezando a chegar agora. O que máis nos gusta é a honradez, ata o punto de que nos campings públicos págase deixando os cartos nun buzón e a ningún neozelandés se lle ocorrería non facelo. Axudáronnos en todo o posible e culturalmente están educados para botar unha man ao que chega novo ao país. Se houbera que porlles un pero é que a comida aquí é horrible e iso que teñen materia prima de sobra.

Se vou uns días a verte, a que lugares me levarías?

Jenni, se vas a recorrer medio mundo para vernos tería que ser para mínimo tres semanas. Sería un Road Trip no que aproveitariamos para ver o parque Nacional Abel Tasman, a West Coast, Milford Sound ou o Monte Cook. Iriamos ver pingüinos e focas. Ademáis diríache que trouxeras as botas de montaña para queimalas nas distintas rutas que ofrece o país.

Processed with Rookie

En comparación, que tal son os precios?

En xeral os precios non son moito máis altos que en Galicia. Hai produtos, como a carne, que si son máis caros, pero tendo en conta que se cobra máis, non se nota tanto á hora de facer a compra. O café é malo e caro: 2,5€ e a gasolina é máis barata que en España (menos dun euro o litro).

Na casa que estamos agora, no medio do campo e sen televisión nin internet, pagamos 340€ ao mes, con auga e luz incluidas. Na cesta da compra gastamos un promedio de 150€ ao mes, pero non comemos como na nosa terra (mamá, no leas isto).

Que tal vos desenvolvedes co idioma?

Din que o acento neozelandés é dos más difíciles de entender e damos fe. O que considerabamos “inglés medio” en España convertiuse en “inglés nulo” en terras kiwis. Pouco a pouco, non nos queda outro remedio, imos mellorando aínda que non dominamos a lingua despois de oito meses.

Volverás a Galicia?

Volveremos co turrón e as vieiras este Nadal, pero os nosos plans no 2016 son: volver aquí para gañar máis diñeiro e en abril marchar a Canadá, co mesmo tipo de visado. Non pensamos máis alá de Canadá pero moito ten que cambiar a situación aí para sentirnos atraídos a voltar.

Processed with Rookie

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>