Fin de semana | Casa da Posta de Valmaior

CasadaPosta_Valmaior1

“Se vides un pouquiño tarde, entrades con esta chave pola porta da cociña. E se vos apetece coller un anaquiño de tarta ou de biscoito, mañá dicídesme que foron os ratos e eu vouno crer”. Penso que no hai mellor maneira de presentar a Rosa; ela encárgase de todo na Casa da Posta de Valmaior (Boiro). Por se aínda no reservastes a fin de semana, á amabilidade podedes sumarlle casa rural de 2 séculos de vida perfectamente coidada e acondicionada, de doado acceso pero nun entorno no que ninguén vos vai a molestar, e o sitio perfecto para deixar a Equipaxe de man mentres percorredes O Barbanza.

Como somos os nativos dixitais. Como a casa era nova en Booking, estaba convencidísimo de que acababa de abrir as súas portas. Pregunteillo a Rosa e a resposta foi: “O 22 de abril cumprimos 21 anos; abrimos coincidindo co primeiro Xacobeo. Somos pioneiros no turismo rural en Galicia”. Ao lado da cheminea acendida (era Semana Santa pero agradecíase) e mentres traía os cafés e os zumes e nós roubabamos máis anacos de biscoito dos que podiamos necesitar para percorrer O Barbanza, contounos o significado de casa da posta: casa na que repousaban os carteiros que repartían o correo a cabalo a finais do XIX. O apelido, Valmaior, é un lugar da parroquia de Cespón, no Concello de Boiro.

Está moi lonxe de Boiro? É moi difícil chegar? Non e non. Se eu cheguei á primeira quere dicir que é extremadamente doado chegar. Chega con coller a saída 23 da vía rápida do Barbanza. Seguides dirección Cespón e pronto veredes carteis que vos levarán ata a casa.

CasadaPosta_Valmaior2

Conta con dez habitacións dobres con baño individual, fío musical, calefacción, televisión, wifi… Máis do que podedes necesitar. Espero que isto non o lea miña nai pero alucinei co xardín e ca horta. Quedoume pendente percorrer a contorna nunha das bicis que a casa pon ao servizo dos seus hóspedes.

Ademais da casa, na mesma finca (de só 4.000 metros cadrados), dispoñedes de 3 apartamentos rurais de pedra e madeira que contan con dúas habitacións, un baño, salón con cheminea, cociña e soportal. Moi recomendable para viaxar en familia ou con amigos.

CasadaPosta_Valmaior3

Parágrafo aparte merece o almorzo. Que non se vos pase pola cabeza que como o prezo está moi ben, tocaravos o típico almorzo de hotel… Na mesa: café, leite e zume de laranxa natural. Nunha mesa ao lado da ventá: biscoito, tarta de queixo e piña (eu non confiaba na mestura pero…), flan de café con froitos secos… O último día ata nos fixo unha rosca das que non aprobaría o Ministerio de Sanidade. Non estou seguro pero penso que na mesa tamén había froita e iogures.

CasadaPosta_Valmaior4

Sempre recomendamos ler, investigar, preguntar antes e mentres viaxades. Apoiada na cheminea ao lado da que almorzabamos, Rosa contounos que alí era onde a súa nai lle escribía todas as noites ao seu pai, mariñeiro que pasaba boa parte do ano fóra da casa. Contounos que tiña tanto que facer que escribía as cartas demasiado rápido, tanto que nunha delas onde quería escribir “te” escribiu “le” porque non tiña nin tempo para poñerlle a raia ao t, e el pensou que o tempo e a distancia provocaran que ela xa non o tratara da mesma maneira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>