Fin de semana | Abacería O Batuxo

A Abacería O Batuxo, situada en Belesar, conta cun emprazamento inmellorable

Chegou a primavera e con ela o bo tempo, os días máis longos e as fins de semana nas que nos apetece máis facer pequenas excursións para pasear pola nosa terriña e descubrir novos lugares nos que gozar da nosa gastronomía! E a miña recomendación pasa pola Ribeira Sacra. Non é a primeira vez que ledes neste blog sobre as marabillas desta zona, así que aproveito para recomendarvos desta volta un lugar no que xantar ou cear: a Abacería O Batuxo, en Belesar. Trátase dun lugar situado á beira do Miño que reúne as principais características que todo restaurante debe ter: un local fermoso, unha comida riquísima, un trato estupendo e… vistas á Ribeira Sacra e ao Miño!!

Se ides pola semana non adoita haber problema de espazo, pero na fin de semana é mellor pecar de previsores e reservar o día anterior. Situado ao lado do embarcadoiro de Belesar, O Batuxo ten dous salóns e unha terraza cuberta na que se está de luxo!! Podedes degustar un bo menú do día ou elixir entre gran cantidade de pratos tradicionais elaborados con produtos de temporada e de primeira calidade. E non pode faltar por suposto unha boa carta de viños locais. Se sodes dos que aceptades suxestións, deixádevos aconsellar polos camareiros ou polo dono do local, Marcos. Non vos ides arrepentir!

Tosta de queixo de cabra e marmelada de pementos, croquetas de cocido e tosta de cecina e queixo

Entre os entrantes atoparedes tosta de queixo de cabra con marmelada de pemento (a miña preferida!!) ou de chacina con queixo parmesano, croquetas de boletus, micuit de oca, pementos de padrón, ovos rotos con zorza, pulpo con ameixas, croquetas de perdiz, táboas de queixos e ibéricos, navallas, zamburiñas… Con fame non ides quedar!!

Grellada de verduras, degustación de carnes con ensalada e lomedro de porco con patacas

Grellada de verduras, degustación de carnes (solombo, presa e secreto) ou lomedro de porco asado con patacas fritidas son algunhas das opcións que nós eliximos para o segundo prato, pero tedes outras moitas que inclúen outras carnes como entrecot de tenreira, solombo de boi, chuletiñas de cordeiro leital ou chuletón de boi. Este último sírveno fileteado para que cada comensal remate de facelo ao seu gusto sobre un forniño. Para os que preferides peixe, dispoñen de bacalao confitado ou á prancha e diversos peixes salvaxes segundo dispoñibilidade e mercado.

A maioría das sobremesas que poderedes degustar n’O Batuxo son de elaboración caseira

As sobremesas están deliciosas!! Podedes elixir entre tarta de noces, de mazá ou de queixo, tiramisú, morte por chocolate, semiesfera de crema de augardente ou pirámide de mango maracuxá e vainilla. Recoméndovos encarecidamente a bomba de chocolate con sorbete de mandarina sobre chocolate branco, ou o que é o mesmo, un coulant recheo de salsa de cacao que ao abrilo derrámase sobre a salta de chocolate branco facendo un contrapunto perfecto coas notas cítricas do sorbete de mandarina.

A Abacería O Batuxo conta cunha extensa carta de gin-tonics e cóceteles

E se xa vos tiña case convencidos para unha visita a Abacería O Batuxo, a súa carta de gin-tonics e cócteles rematará por conquistarvos. Non se me ocorre mellor maneira de poñer punto e final a tan riquísimo xantar/cea…  Que aproveite!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>