Facer a maleta e irse

Como facer maletas

Este non é o primeiro artigo de Equipaxe de man no que falamos sobre equipaxe, xa Vicky compartiu fai uns meses os seus trucos para facer a maleta. Pero aquí eu tamén teño algo que dicir, porque hai temporadas que me da a sensación de que me paso a vida facendo maletas. Todo empezou na universidade e despois as sucesivas mudanzas (literalmente recorrendo Galicia de punta a punta case cada fin de semana).

Xa sexa por traballo, por ver amigos/familia, polo vicio de viaxar ou porque coller as maletas e marcharse convértese ás veces nunha necesidade, o tema da maleta para min non é precisamente algo sinxelo.

Hai tempadas nas que envexo profundamente á xente que sempre viviu no mesmo sitio e non dependeu semanalmente dunha maleta. Creo que ten algo que ver co desarraigo, que fai que ás veces non te sintas de ningún sitio e ao mesmo tempo sintas morriña de cada un dos sitios nos que viviches.

Como podedes ler, facer a maleta é unha das cousas que menos me gusta, será por iso que non son nada previsora e me toca improvisar todo no último momento. Se hai algún lector ao que lle pasa algo similar ou simplemente viaxeiros que queiran mellorar a súa técnica, recollín neste artigo diferentes trucos para facer maletas.

Facer a maleta

Cando vou de viaxe, sexa para uns días ou para uns meses, en termos xerais hai dúas cousas básicas que me preocupan: que cousas necesito levar (facer unha selección eficaz e con certo estilo para non botar nada en falta) e como meter todo o que quero levar na maleta. O que nos ocupa neste artigo é a segunda parte, como meter todo o que queremos levar nunha maleta. Eu normalmente, se podo evitar facturar, tanto por aforro de tempo como de diñeiro, sempre evito facturar.

Hai unha serie de cousas que na teoría teño claras:

  • Non empezar a encher a maleta sen control. Empezar poñendo todo o que quero levar sobre unha mesa ou unha cama.
  • Aproveitar ao máximo o espacio. Para esto hai que ser ordenados e saber colocar as cousas no mellor lugar posible (#modoTetris). Para min é imposible!
  • Ter en conta as restriccións de líquidos e medidas de seguridade en aeroportos e voos.
  • Dentro de zapatos, neceseres… hai ocos que se poden encher con cousas pequenas que así xa non ocupan (complementos, calcetíns, roupa interior, fulares, guantes…).
  • Deixar as cousas que antes vas a necesitar por arriba de todo na maleta, como por exemplo o pixama e o neceser.
  • O que máis ocupa (abrigo, xersei, botas…) levalo posto durante a viaxe.

Maletas para Ryanair e outras compañías low cost

mellor mochila para viaxar en compañías low costSe voas cunha low cost, facer a maleta é ainda máis estresante, porque tanto o peso como o tamaño da mesma están limitados, co risco de ter que pagar extras no aeroporto. Aquí é moi importante se tes pensado comprar algunha cousa no destino, deixar espacio suficiente para traela.

Tamén a bolsa hermética transparente para pasar os líquidos no control de seguridade, ainda que nalgúns controis fan a vista gorda, noutros podes vivir algunha situación un pouco tensa (a min pasoume en Stansted, Londres).

Viaxar con mochila

Nas últimas viaxes que fixen, cambiei a maleta de man pola mochila. Como normalmente o billete máis barato é con Ryanair, sólo podo levar un bulto e nos bolsillos da mochila podo levar accesibles cousas que necesito durante a viaxe (Kindle, DNI, carteira, etc.). Ademáis como nunca ma fixeron medir, este simple detalle de saber que non vou ter problemas ao entrar ao avión dame tranquilidade e non penso nos problemas que teñen outros pasaxeiros por levar un libro na man.

Investigar para escribir este artigo, fixo que descubrira algún novo truco que seguro me axudará a pasar o trago de facer a maleta con mellor ánimo, pero o que é outra historia é chegar dalgún sitio e ter que desfacela. Que pereza…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>