Excursión polas Rías Altas II: de Bares a Ortegal

Estaca de Bares

Muíños hidráulicos encadenados en Estaca de Bares

No anterior post percorremos Ribadeo e arredores e desta volta moverémonos pola zona de Bares e Ortegal. O porto do Barqueiro, Estaca de Bares, Cariño e o cabo Ortegal serán as nosas paradas neste percorrido polas Rías Altas galegas.

O Porto do Barqueiro

O Porto do Barqueiro está situado moi preto do límite entre as provincias de A Coruña e Lugo

O Porto do Barqueiro vai ser a primeira parada. Trátase dun pequeno pobo pesqueiro situado moi preto do límite provincial que separa A Coruña e Lugo. As súas rúas estreitas e casas mariñeiras brancas e de cores fan do Barqueiro un lugar encantador, xunto coa colocación das vivendas na ladeira da montaña que semellan un anfiteatro que mira ao mar. Ata a construción da ponte a comezos do século XX, un barqueiro trasladaba persoas e mercancías dun lado a outro da ría, de aí o seu nome.

Estaca de Bares

Estaca de Bares é o punto máis setentrional da península ibérica

Un faro, un parque eólico e un observatorio de aves sobre un promontorio acantilado de 90 metros de altura indícannos que estamos en Estaca de Bares, o punto máis setentrional de toda a península ibérica. Miles de aves migratorias inclúen este punto na súa ruta anualmente, de aí que conte cunha estación ornitolóxica permanente considerada das mellores de Europa.

Cariño

En Cariño pódese gozar de tranquilidade e natureza en estado puro

De camiño ao faro do Cabo Ortegal pasamos por Cariño, situado na ría de Ortigueira. Conta a lenda que a señora do Castro enterrou aquí a máis fermosa das súas fillas, e ao marchar da zona co rei celta Ith despediuse da terra cun “Adeus, cariño”. Destacan as súas praias -de fina area branca- nas que aínda se pode gozar de tranquilidade e natureza en estado puro.

Miradoiro

Vista de Cariño dende o miradoiro d’A Miranda

Será neste punto onde atopedes os acantilados máis altos da Unión Europea, entre eles o enclave de Vixía Herbeira, que con 613 metros de caída vertical ten o mérito de ser o acantilado costeiro máis alto da UE. Para chegar ao miradoiro de Herbeira  -situado a uns nove quilómetros do pobo de Cariño- empregaremos a estrada que nos leva cara San Andrés de Teixido. Este miradoiro forma parte da Serra da Capelada, xunto co miradoiro d’A Miranda, que nos ofrecerá unhas vistas espectaculares de Cariño.

Cabo Ortegal

O cabo Ortegal separa o Mar Cántabrico do Océano Atlántico

Rematamos a excursión no Cabo Ortegal, onde se ergue o faro branco e vermello que leva o mesmo nome e punto onde se separa o Mar Cantábrico do Océano Atlántico. Fronte ao faro emerxen das augas os Tres Aguillóns, tres afiadas rochas que desafían a bravura do mar. Ortegal é ademais un complexo xeolóxico de interese internacional xa que algúns dos seus materiais xurdiron da colisión de fragmentos continentais do Norteatlántico e do Báltico, atopándose nesta zona as rochas máis antigas de Galicia.

Para que visualicedes a súa ubicación, o Cabo Ortegal limita ao leste coas rías de Cariño e Ortigueira. Máis alá, asoma o cabo de Estaca de Bares. Mentres que polo oeste distínguese Vixía Herbeira e séguelle a pouco máis de trinta quilómetros Santo Andrés de Teixido, a que será a próxima parada no seguinte post.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>