Excursión polas Rías Altas I: Ribadeo

Praia das Catedrais

A Praia das Catedrais so pode percorrerse nas horas de baixamar

As coñecidas Rías Altas abarcan toda a costa de Lugo e a parte norte e noroeste da provincia da Coruña. Nalgúns lugares inclúen nesta denominación o espazo que vai dende A Coruña ata Ribadeo, e dende a cidade herculina ata Fisterra –o que ven sendo a Costa da Morte-. Eu ocupareime ao longo de varios posts da primeira zona, xa que son as Rías Altas propiamente ditas, para percorrela dando pequenos saltos. Vai ser unha ruta por este tramo da costa galega na que non van faltar faros, cabos, natureza, acantilados e sobre todo praias, dende grandes areais a pequenas calas.

Ribadeo

No centro histórico de Ribadeo érguese a igrexa de Santa María do Campo

Comezamos pola vila de Ribadeo, cun pequeno paseo polas rúas do seu casco antigo, declarado Ben de Interese Cultural en 2004. No centro histórico mestúranse as casas populares de artesáns e mariñeiros con edificios de maior rango que testemuñan o pasado florecente da vila. Atoparemos a Aduana Vella, a igrexa de Santa María do Campo, o Cargadoiro, o convento de Santa Clara, o antigo cárcere, o castelo de San Damián, así como o edificio máis representativo da vila, a Torre dos Moreno, e numerosas construcións indianas.

Illa

En Illa Pancha atópase o faro máis oriental de Galicia

Logo dunha primeira toma de contacto en Ribadeo dirixímonos a Illa Pancha, onde se atopa o faro máis oriental de Galicia. En realidade hai dous faros. Un deles foi acendido por primeira vez o 20 de decembro de 1860 e estivo operativo 123 anos, ata o 1 de outubro de 1983, que foi cando entrou en servizo o novo faro. Un lugar incrible en calquera época do ano, co son do mar e o vento que o envolve todo. Dá unha fotos moi chulas na primavera, coincidindo co florecemento do dente de león, que cubre a illa dun manto morado. Volve a florecer, pero con menor intensidade, en verán e outono.

Dirixímonos á praia das Catedrais pero de camiño faremos parada para comer en Rinlo, concretamente no Restaurante A Cofradía de Rinlo, onde degustaredes un dos mellores arroces caldosos de marisco do mundo ;) Sede previsores e se realizades esta ruta non esquezades reservar con tempo, xa que se trata dun establecemento moi solicitado. Podedes facelo no teléfono 982123007 ou no propio local. Para os que non sodes moito de arroz ou marisco tamén tedes outras opcións. A carta está dispoñible na súa web.

Praia

Actualmente precísase autorización para acceder á Praia das Catedrais

Despois da sobremesa poñemos rumbo á Praia das Catedrais, considerada unha das praias máis espectaculares do mundo, cuxo principal atractivo son as formas que foron tomando as rochas co paso do tempo. Pero OLLO!! neste punto xa que temos que ter en conta dúas variables importantes:

Por unha parte, dependendo da época do ano na que vaiades é preciso solicitar unha autorización para visitar a praia, concretamente do 1 de xullo ao 30 de setembro é necesario dito permiso. Podedes adquirilo aquí. A reserva pode facerse con 30 días de antelación.

Por outra parte, só se pode percorrer a praia na baixamar, accedendo ao areal a través dunhas escaleiras, de xeito que se aconsella a visita dende dúas horas antes da baixamar e ata dúas horas despois. A miña recomendación é que consultedes as mareas para organizar a orde da ruta adaptándovos a esta cuestión, e programar a visita á zona comezando pola Praia das Catedrais ou rematando nela segundo a marea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>