Este sábado hai que cambiar a hora, ou non?

 

DST no mundo

–          Ei, ¡que este sábado toca cambiar a hora!

–          Bueno, iso depende …..

Os que temos a sorte de viaxar, e estar en contacto con distintas culturas, sabemos que non hai nada máis relativo que as verdades absolutas que temos completamente interiorizadas como parte da nosa rutina. O que máis me chama a atención dos meus contactos con persoas de outros lugares non son as grandes diferenzas que eran esperadas xa antes de emprender a viaxe, si non os pequenos detalles que temos asumidos como universais de forma automática ata que a realidade nos demostra que tiñamos unha visión demasiado pechada do asunto.

Un deses detalles son as zonas horarias, e sobre todo, o Daylight Saving Time, tan crítico para as persoas que nos reunimos con persoas de distintos países. E quero aproveitar algunha anécdota para presentarme neste o meu primeiro post deste blog.

Vivo (cando non estou fora viaxando) en Vigo. Moi perto de Portugal, tan perto de Portugal que durante anos estiven traballando nun país e vivindo noutro. Así foi cómo aprendín o que moitos transfronteirizos sabemos: nunca actives a opción de cambio automático da zona horaria do teu smartphone. Non sendo que che guste chegar unha hora tarde ou unha hora cedo ás túas reunións de traballo, e non saber nunca realmente a hora que é. Traballando en Valença do Minho, a cobertura cambia por momentos de Movistar a Optimus, e podes comezar a xornada laboral co horario español, para tomar o pingo de media mañá no portugués e estar de novo no español á hora do frango no churrasco.

Así é como expandín a miña concepción da realidade, desde “Vivo en GMT+1, aínda que outros países teñen outro fuso horario” a unha máis útil: “Vivo en GMT+1, aínda que outros países teñen outro fuso horario, e vivir a cabalo é un cristo

Polo menos nós temos un río que nos separa e uns carteis ben gordos anunciando o cambio de país. Cousa que non sempre se dá, como descubriría logo falando do tema cun compañeiro dos USA. En Kentucky, por exemplo, que dentro do mesmo estado “disfrutan” de dúas zonas horarias distintas.

Cambio de zona horaria dentro dun mesmo estado, en Kentucky

Cambio de zona horaria dentro dun mesmo estado, en Kentucky

Nota mental: “Vivo en GMT+1, aínda que outros países países/rexións teñen outro fuso horario, e vivir a cabalo é un cristo, sobre todo si non hai unha fronteira clara que os separe.

A partir de 2007 é cando comeza a diversión de verdade. Comezo traballar con India. Antes de marcar a primeira reunión pregunto a hora local para estar sincronizados. Cómo? Podes repetir? Daquela aínda non falaba moi ben inglés, así que pensei que estaba tendo un problema coa lingua. Pero non. Era certo, en Vigo eran as 9:11 mentres que o reloxo dos colegas en Faridabad dicía 12:42. Ben, acababa de descubrir que os fusos horarios tamén tiñan separacións de media hora. Quen sería o iluminado ao que se lle ocorreu semellante idea?

Vamos, Miguel, lembra: “Vivo en GMT+1, aínda que outros países países/rexións teñen outro fuso horario, e vivir a cabalo é un cristo, sobre todo si non hai unha fronteira clara que os separe. Algúns fusos horarios están separados media hora, así que presta atención tamén aos minutos.

Un par de meses máis tarde ven o segundo zasca. Que pasa que estes aínda non apareceron na conferencia telefónica? Normalmente non son moi puntuais, pero isto é por demais. “E non será polo cambio de hora do sábado?” pregunta un compañeiro. Efectivamente.

Déixame que actualice o meu esquema mental: “Vivo en GMT+1 GMT+1 a metade do ano e en GMT+2 a outra metade, aínda que outros países países/rexións teñen outro fuso horario, e vivir a cabalo é un cristo, sobre todo si non hai unha fronteira clara que os separe. Algúns fusos horarios están separados media hora, así que presta atención tamén aos minutos. Non tódolos países seguen o Daylight Saving Time, así que a diferenza horaria entre países é diferente no inverno e no verán.

2009, o meu horizonte laboral expándese e xa lidero reunións periódicas con participantes nos tres continentes. Como son un home con experiencia, en base aos erros do pasado decido avisar en Outubro de que imos cambiar a nosa hora, para que todos estean ao tanto. “Grazas polo recordatorio” responden os indios, “Nós tamén imos cambiar, así que non debería afectar” responden os americanos. Chega a semana da reunión e volvemos a enleala. Que pasa que non nos coinciden os horarios e os colegas de Auburn Hills teñen un conflito no calendario?

Vivo en GMT+1 GMT+1 a metade do ano e en GMT+2 a outra metade, aínda que outros países países/rexións teñen outro fuso horario, e vivir a cabalo é un cristo, sobre todo si non hai unha fronteira clara que os separe. Algúns fusos horarios están separados media hora, así que presta atención tamén aos minutos. Non tódolos países seguen o Daylight Saving Time, así que a diferenza horaria entre países é diferente no inverno e no verán. E dentro dos que seguimos o DST, non todos mudamos a mesma fin de semana, por tanto hai unha semana no ano que cambiamos dúas veces a diferenza entre países (en 8 días teremos tres reunión con tres configuracións de diferenzas horarias entre países distintas).

Tres configuracións horarias distintas no prazo dunha semana

Tres configuracións horarias distintas no prazo dunha semana

Ese día de Outubro de 2009, por pura supervivencia, decido actualizar de novo o meu esquema mental: “Vivo en GMT+1 GMT+1 a metade do ano e en GMT+2 a outra metade, aínda que outros países países/rexións teñen outro fuso horario, e vivir a cabalo é un cristo, sobre todo si non hai unha fronteira clara que os separe. Algúns fusos horarios están separados media hora, así que presta atención tamén aos minutos. Non tódolos países seguen o Daylight Saving Time, así que a diferenza horaria entre países é diferente no inverno e no verán. E dentro dos que seguimos o DST, non todos mudamos a mesma fin de semana, por tanto hai unha semana no ano que cambiamos dúas veces a diferenza entre países (en 8 días teremos tres reunión con tres configuracións de diferenzas horarias entre países distintas). Nunca vou a ser capaz de entender e seguir os cambios horarios de tódolos países cos que traballo, así que que lle dean, tiro de World Clock Meeting Planner e listo.

Sen entrar nos detalles de cada expansión do meu paradigma que seguiu durante os últimos anos, direi que a historia non rematou aí e continuei aprendendo cousas dos meus compañeiros cómo que Michigan atrasou máis dun mes o cambio de horario de verán en 2007, que os colegas chinos fan Tai Chi ás 4 ou 5 da mañá a plena luz do día porque o país e tan grande que cun só fuso horario danse horarios moi extremos, ou que o debate sobre o aforro causado polo horario de verán en Brazil céntrase na hora á que se ducha á xente.

Cambio da data de finalización do DST fai uns anos en Michigan

Cambio da data de finalización do DST fai uns anos en Michigan

Por último, despois de dez anos abrindo a mente, cando pensei que xa tiña na unha visión bastante ampla dos horarios polos que nos rexemos os humanos, decateime esta semana de que se me estaba pasando algo moi obvio. A empresa continuou expandíndose, e Brasil foi a primeira fábrica que visitei no hemisferio Sur. Cun verán e inverno invertidos, é lóxico que cando nós lle damos para atrás ao reloxo eles o fagan para adiante. Así, as 5 horas de diferenza en Setembro quedarán só en 3 horas en Novembro. Nunca me parara a pensar que ese salto de dúas horas era posible. E seguro que esta non será a última sorpresa que me fai abrir un pouco máis a miña visión deste asunto.

A imaxe do mapa da portada debémoslla a Paul Eggert que a fixo pública baixo a licenza Creative Commons Attribution-Share Alike 3.0 Unported

Categorías:  Sin categoría
Data: 
Miguel

Moi curioso, encántame aprender todo o que poida dos sitios polos que paso. Viaxeiro por motivos laborais, teño quizais unha perspectiva distinta dos países que visito que á do típico turista ou a do mochileiro. Aínda que nas miñas viaxes teño moi pouco tempo para visitar lugares con encanto e facer fotos espectaculares para subir ao Facebook, si que paso moitas horas traballando e falando con persoas de culturas moi distintas á nosa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>