Dez cousas que facer en Ourense sen un peso no peto

OurenseTradición. Auga. Sol. Termal. Ponte Romana. Cultura. Festa. As Burgas. Entroido. Folclore. Pontes. Calor. Os Maios. Historia. O Miño…

Son termos que pertencen un pouquiño a Ourense, porque a definen e a perfilan. Buscádeos, están espallados por Ourense, ao igual que por este post, por esta invitación a gozar da cidade sen un peso no peto.

1- Paseo dende Outariz ata Oira

Roteiro que acompaña ao Miño, incluso cando atravesa o centro de Ourense. Discorre por un entorno natural, que fornece zonas de sombra e é ideal se vos apetece unha camiñata ou un paseo en bici.

2- Festival do Folclore

O Festival do Folclore é un espectáculo de danza e canto tradicional a través de asociacións folclóricas que chegan de moitos recunchos do mundo. Celébrase no mes de agosto na Praza Maior de Ourense e percorre, ademais da capital, algunhas das vilas máis importantes da provincia. É unha desas citas do verán que non te podes perder así que, anotádeo para 2016!

3- Ponte do Milenio

Aínda non probaches a subir e baixar todas as escaleiras que envolven e rodean a esta Ponte tan emblemática, e fotografar o que se ve dende o máis alto?

Ourense - As Burgas4- Auga quente ou fría?

Ourense é a indiscutible capital termal galega. E, facendo honra ao seu nome, posúe varias zonas habilitadas para o termalismo sen gastar un euro. Podedes disfrutar da auga de A Chavasqueira e Outariz 24 horas ao día, 365 días ao ano.

E se agora no verán, co sol e o calor preferides refrescarvos, a Praia fluvial de Antena, enfronte do Parque Miño, e entre a Ponte Vella e a Ponte Nova, é a vosa opción.

5- Irse de festa

Non se coñece Ourense totalmente ata dar unha volta polo ambiente nocturno. E si, podes ir sen sacar a carteira do peto, porque na zona vella hai locais que non cobran entrada.

6- Entroido, Os Maios

O Entroido e Os Maios son dúas festas tradicionais moi importantes en Ourense. Só déixate pasear polas súas rúas; sorpréndete coas actuacións que te atopes; goza co son da alegría e da xoldra; disfruta da tradición en estado puro.

7- Patrimonio e cultura

Coñeces ese dito que di “Tres cousas hai en Ourense, que non as hai en España, o Santo Cristo, a Ponte Romana, e as Burgas fervendo auga”?

Pois as tres as podes visitar de xeito gratuito!

8- Ir á feira

Un clásico. En Ourense, a feira é o 7, o 17 e o 26 de cada mes.

Se non tes un peso no peto, podes disfrutar igual, pero mal será que rebuscando ben, non atopes algún euriño para unha tapiña de polbo.

9- Festival de Teatro de Ourense (FITO)

O FITO é un dos festivais de teatro con maior proxección en Galicia. A entrada ás obras é de pago, pero paga a pena dar unha volta nesas datas pola cidade; xa que hai espectáculos e animación de rúa gratis.

10- Facer a ruta de A Esmorga

Como se foses “Bocas”, Antonio ou “Milhomes”, podes percorrer a ruta que fixeron os tres protagonistas da historia de Blanco Amor naquela noite; seguindo as indicacións que comezan na Avenida de Zamora.

Sorriso. Tranquilidade. Felicidade. Ganas de volver. Son palabras que atoparás na túa cabeciña, ao rematar o tempo gozando Ourense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>