Descubrindo o Perriturismo

IMG_3761

Solo (Comando G) e Lena (Equipaxe de man)

Contan os blogs de turismo que nas afastadas terras da Ribeira Sacra existe a posibilidade de desfrutar do noso patrimonio natural e cultural acompañados dos nosos cans. Despois de que Lena insistira unha e outra vez partimos rumbo ao Incio na busca do Comando G. Armados cun bocadillo para 2 e unha botella de auga fomos ao encontro de Arwen, Paloma, G, Garimba, Solo, Haiku, Lola e Paula.

penacatrocabaleiros_perrunadas

Foto: perrunadas.com

Xa vos contou Natalia que o Comando G está formado por 6 cadelas (G, Garimba, Arwen, Paloma, Leia e Solo, o único macho), unha gata (Arien) e unha humana (Paula). Paula é a autora dun blog que xa é referencia para calquera amante dos animais e da natureza: perrunadas.com. A ruta escollida para o noso encontro foi a da Pena dos Catro Cabaleiros, onde conflúen os concellos de Samos, A Pobra do Brollón, O Incio e O Courel a 1.200 metros de altitude.

No seu blog podedes consultar toda a información dunha ruta que se pode facer dende Samos ou dende A Pobra. É apta para todos os públicos; 1 hora e media de subida, parada na Pena dos Catro Cabaleiros para repoñer forzas e admirar a vista e outra hora e media de baixada. Nós non tivemos sorte co tempo, a néboa negounos as vistas por completo, pero eu non puiden gozar máis da xornada co Comando G e con Lena e a ela prestoulle máis que a min un día no que se deixou levar polo seus instintos sen perderme nunca de vista.

O Perriturismo

Lena

Non hai moito, nun lugar do que non quero lembrarme, mantiñan unha conversa na que, entre outras cousas, dicían que as familias xa non podían pasear polos parques vigueses porque “están cheos de cans. Non podes deixarlles aos nenos que se deiten na herba porque está chea de caca”. E a miña favorita: “Son uns pirados que saben os nomes dos cans pero que non saben os seus nomes”; isto non o podo negar. Pirados ou non somos moitos aos que nos presta desfrutar do noso tempo libre cos nosos amigos peludos. En tempos de rexidores que son máis de animais extintos e que cómpre podar de cando en cando, houbo quen tivo a idea de ofrecer plans de turismo a humanos e aos seus acompañantes caninos para que xuntos poidan gozar da natureza, o patrimonio histórico, cultural ou incluso gastronómico da Ribeira Sacra.

En perriturismo.com ofrécennos a posibilidade de descubrir os viños da Ribeira Sacra sen que teñamos que separarnos dos cans en ningún momento. Imaxinades un día de curso de fotografía e ruta de sendeirismo? Tamén podes facer un etopaseo; acompañados de Rita Campos, veterinaria etóloga, podedes identificar e solucionar calquera problema de comportamento. Se a Ribeira Sacra vos queda lonxe, seguro que vos axudan a atopar casa de turismo rural na que cadelas e cans son ben recibidos.

A finais de novembro, se a axenda nolo permite, nós apuntarémonos a un dos findes perrunos que organizan. Desta volta trátase de xogar co can e o seu olfacto. O prezo inclúe dúas noites de aloxamento na casa rural Casa dos Muros, obradoiro e curso de Dog Action e rutas guiadas de sendeirismo. Quen se apunta?

Unha reflexión sobre “Descubrindo o Perriturismo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>