De ruta por Marce co Comando G

Solo e Arwen mirando o Miño

Solo e Arwen contemplando o Miño ao seu paso por Marce

Combinar turismo con mascotas non é tan fácil lonxe do que poida parecer. Cavilando nunha ruta para donos e peludos pensamos en Paula e o seu Comando G e tiven a seguridade que ninguén mellor ca ela para propoñernos unha ruta na que cans e humanos o pasaran en grande. O Comando G está integrado por Paula G -a única humana do grupo-, Solo, Garimba, Leia, G, Arwen e nas últimas semanas Paloma. No seu blog Perrunadas contan as rutas que fan, ideais para cans e humanos, polo momento por Galicia, Asturias e Castela e León, pero a intención é conquistar o mundo :)  Dende Equipaxe de Man propuxémoslle a Paula G que nos falara dunha das rutas que máis lle gustara a ela e as súas cadelas, conscientes da dificultade de elexir só unha, e non nos puido gustar máis a súa elección! A continuación podedes ler o que nos contou…

“Pasaron xa dous anos dende que naceu Perrunadas e as cadelas e máis eu levamos máis de cen rutas ás costas. Elixir unha non é doado. Pero quen dixo medo?

Vivindo na Ribeira Sacra custa saír dos seus bosques centenarios e os seus marabillosos ríos para percorrer novos mundos… pero ás veces facémolo: nestes dous anos fixemos camiño por toda Galicia… e tamén por Asturias e León. Pero aínda que son de Vigo e a amo… teño que dicilo: Lugo é a provincia máis bonita de Galicia. E vivín nas catro, olliño, non falo por falar. Lugo é un paraíso natural no que conviven a Ribeira Sacra, O Courel, Os Ancares, A Fonsagradae no que atopas bosques únicos como o da Fervenza, no Corgo.

Solo

A ruta ao castro de Marce comparte sendeiro coa Fervenza de Augacaída

Pero Equipaxe de Man pediume que fale da miña ruta favorita. Non é doado saber cal é, o certo é que teño moitas. Pero decidín escribir dunha delas que pasa case desapercibida porque comparte sendeiro coa xa celebérrima Fervenza de Augacaída, na parroquia de Marce, en Pantón. Certo é que a seimeira é espectacular, unha das máis altas de Galicia, enclavada nun lugar único e máxico. Pero eu, que sempre fun rariña, prefiro sen dúbida deixar a fervenza ás costas e seguir camiñando pola senda, entre carballos e sobreiras, ata chegar ao castro de Marce e asomarme ao Miño para perder o alento.

G e o Miño

G e o Miño

Esta ruta comparte o primeiro tramo coa senda da Fervenza de Augacaída, que, si nunca a viches, é visita obrigada. Iso si, non escollas o día para visitala nun paseo co mozo en tacóns, porque a baixadiña é de traca: escalando por cordas. Pero apta para calquera humano, que non cunda o pánico. Para os cans, dende logo, é un parque de atraccións polo divertido. Mentres ti baixas, afogada apresando as cordas para non caer, eles van e ven como ríndose de ti, pobre humana torpe. Pero o esforzo vese compensado ao chegar abaixo. Prometido.

Tamén tes outro xeito de ver a fervenza sen esforzo: facer a viaxe polo Miño na lancha de Quinta Sacra. A capitá Luisa Rubines atracará na parte baixa da fervenza e subiredes camiñando un corto sendeiro ata chegar ao impresionante salto de 40 metros que fai o regato Aguianza antes de perderse no pai Miño. Navegar con Quinta Sacra e para min un dos grandes luxos da Ribeira Sacra.

G asomada ao Miño

Vistas ao Miño dende o castro de Marce

Pero estamos a falar do castro de Marce, un enclave asomado ao Miño dende un promontorio no que as vistas ao río son do máis bonito que verás na túa vida. A senda que leva ata o castro é sinxela; hai algún tramiño lixeiramente asolagado, verán e inverno, pero facilmente franqueable, e á volta (a senda é lineal) terás que subir unha boa costa que á ida baixaches. O tramo enteiro, ida e volta, non che levará máis dunha hora… pero súmalle mínimo outra que estarás coma un pámpano contemplando o río.

Leia

Leia (integrante do Comando G) asomada ao Miño

O mellor plan é levar o bocata e comer no castro. Ademais, mentres que a fervenza xa é famosa e normalmente está petada as fins de semana e nos meses de verán tamén ás veces entre semana… ao castro apenas vai ninguén e estaredes ao voso aire. Hai que dicir que o castro, para os que somos da costa, non é precisamente Santa Tegra. Na Ribeira Sacra hai moitísimos, pero o que se conserva é o enclave e algúns restos, non as construcións que podemos atopar en Baroña, en Vigo, etc. É dicir, gustarache o castro de Marce se es, coma min, unha vítima do síndrome de Stendhal, persoas que podemos perder a vista no río durante horas, hipnotizadas pola súa beleza. O das pedras, na Ribeira Sacra, vai máis polo románico. Pero diso falaremos outro día”.

Se tedes peludos -e se non tamén!- podedes seguir o día a día do Comando G (e namorar dos seus integrantes) en Facebook, Twitter e Instagram, así como consultar todas as rutas que fan na súa web www.perrunadas.com, na que explica duración do percorrido, dificultade, cómo chegar e lugares próximos. A ruta de Marce da que nos falou Paula G neste post tamén a podedes ler aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>