De ruta pola Ribeira Sacra ourensá

Miradoiro situado en Parada de Sil sobre a Ribeira Sacra ourensá

Se escribo Ribeira Sacra enseguida pensaredes en viño, románico, paisaxe, miradoiros, bancais, catamaráns, cañóns do Sil, etnografía, tradición… Iso e moito máis é a Ribeira Sacra, un lugar onde perderse para rematar atopando infinidade de recunchos dos que vos namoraredes sen dubidalo!!

Como xa saberedes, a Ribeira Sacra comprende as ribeiras do río Sil e do río Miño ao sur da provincia de Lugo e ao norte da provincia de Ourense. Aproveitando que se vén de celebrar a festa dos fachos en Castro Caldelas, imos percorrer varios puntos de interese da Ribeira Sacra ourensá, con paradas nos concellos de Parada de Sil e Castro Caldelas, pero sen esquecernos da Ribeira lucense, da que nos ocuparemos en vindeiros post.

O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil está documentado dende o ano 876

Comezamos coa visita ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, un dos edificios relixiosos máis populares da Ribeira Sacra. De arquitectura románica, componse de mosteiro e igrexa e está documentado dende o ano 876 pero descoñécese a data da súa fundación. Encóntrase nun enclave paisaxístico único, a poucos metros do río Sil e rodeado completamente dun frondoso bosque de castaños.

O miradoiro dos Balcóns de Madrid ofrece unha das mellores vistas sobre o cañón do Sil

A uns seis quilómetros atoparemos o miradoiro dos Balcóns de Madrid, coñecido con ese nome porque era o lugar onde os veciños do lugar ían despedir a familiares e amigos que viaxaba a Madrid na procura dun futuro mellor. Esta miradoiro ofrece sen dúbida unha das mellores vistas sobre o cañón do Sil, onde adquire a súa faciana máis dura.

A pasarela sobre o río Mao percorre a escarpada beira do Mao ata a súa desembocadura no Sil

Dirixímonos agora cara Castro Caldelas, pero antes facemos unha parada para gozar cunha ruta moi curtiña pero non por iso menos interesante no cañón do río Mao. Comeza na Fábrica de Luz de Barxacova e transcorre durante 1,8 quilómetros por unha pasarela de madeira construída aproveitando parte do antigo canal de auga que chega a Fábrica da Luz. Trátase dunha ruta moi sinxela, apta para todos os públicos e que ofrece unhas impresionantes vistas ao río Mao preto da súa desembocadura ao río Sil.

Xa en Castro Caldelas non podemos deixar de coñecer o elemento máis emblemático do concello, o Castelo. Esta construción de orixe medieval consta de tres torres: a da homenaxe, a da cárcere e a do reloxo. Tamén se conservan algúns restos de varias murallas que se empregaron para defenderse nos conflitos bélicos.

Rapaces portando un fachón duns trinta metros polas rúas de Castro Caldelas. FOTO: Alberto López

E se vos coincide a vosa visita a Castro Caldelas en xaneiro -concretamente o día 19- agardade a que chegue a noite para participar na Festa dos Fachós, unha tradición que se mantén de forma ininterrompida dende hai más de dous séculos. Cada 19 de xaneiro, unha vintena de rapaces levan polas rúas da vila un fachón de trinta metros de longo, portado con apeiros de labranza. Detrás deste fachón pódense ver máis dun centenar de fachós individuais. A procesión parte do Santuario dos Remedios para percorrer o casco histórico da vila e rematar no punto de partida, onde se reúnen todos os fachós que fan unha fogueira arredor da cal os asistentes degustarán unha cea con chourizos, viño da Ribeira Sacra e sobremesas típicas da zona como a riquísima bica de Castro Caldelas. Non vos perdades esta festa o vindeiro ano!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>