De oleiros e outros artesáns

oleriabunho1

Foto: facebook.com/oleriadebunho

Ao principios de xullo propuxéronme viaxar durante todo o verán dende un estudio de radio e ata calquera punto de Galicia coa condición de facelo con Equipaxe de man. A cita é todos os mércores ás 10:45 no Galicia por Diante, na Radio Galega. O normal é revivir as viaxes dos meus compañeiros de blog. Desta volta vou da radio ao blog para ser xustos e adicarlle o espazo que merece a unha parte importante da nosa cultura: a artesanía de Galicia.

A primeira parada está en Buño (Malpica de Bergantiños). Alí o forno non deixou de cocer nos últimos 5 séculos. O aprendido nese tempo e a vida que lles queda por diante poden verse esta semana na XXXII Mostra da Olería de Buño. A segunda está na Coruña, en Mostrart. Unha boa oportunidade para achegarse ao traballo dos artesáns galegos. Para admirar e mercar.

Aos de Buño chámaselles “oleiros”. Aínda que xa sabedes aquilo de “Inda que somos de Buño non somos todos oleiros. Tamén na terra de Noia non son todos zapateiros”. Levan moitos anos traballando en tornos de pé, moldeando a man e con celeridade o pelouro de arxila plástica que colle forma de olas, xarras, pratos, fontes e porróns. Despois de que sequen as pezas lévanse ao forno que antes era de pedra e comunitario e hoxe é eléctrico e privado.

oleriabunho2

Foto: facebook.com/oleriadebunho

En Buño esforzáronse para amosar o presente e o futuro do sector oleiro. Ata este domingo podemos desfrutar de actividades para todas as idades. No Ecomuseo do Forno do Forte podemos asistir á exhibición dun oleiro no torno todos os días de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. Tamén están programados obradoiros de barro para nenos e podemos desfrutar cando prefiramos da exposición permanente das oleiras e oleiros no Forno do Forte.

A fin de semana despedirá a Mostra coa Gran Queimada e o concerto de Surf&Sun e Migue de la Rosa o sábado pola noite, e co Proxecto Barro o domingo ás 19:00, un espectáculo de poesía, teatro, música, fotografía…

Se facedes clic aquí, no minuto 40 podedes escoitarnos falando de artesanía de Galicia e da Mostra da Olería de Buño. Participa Carmen Isabel Labrador, presidenta da Asociación de Oleiros de Buño.

Mostrart

Mostrart

Creacións de Elena Ferro. Foto: mostrart.org

Celébrase dende 1985 no centro da cidade da Coruña, nos xardíns Méndez Núñez. Durante os 15 días de feira podedes admirar a obra de 50 obradoiros artesáns. Organizada pola Asociación Galega de Artesáns, estará aberta ata o próximo 16 de agosto.

Atoparedes produtos de xoiaría, ebanistería, cerámica, vidro, marroquinaría… Mellor mercar unha xoia creada nun obradoiro de xoiaría galego, ou unha peza feita nun tear tradicional. É a oportunidade de sorprender a quen queirades dunha maneira distinta e de apoiar un sector que forma parte da nosa identidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>