De brunch por Brooklyn, o barrio hipster de New York

Bedford Ave-Brooklyn-New York

Bedford Ave, a arteria de Williamsburg, o barrio hipster de Brooklyn

Manhattan hai que velo e patealo ben. Aínda que só sexa para dicir aquelo de “mira, aí estiven eu”, cando vexas as centos de películas (tantos as auténticas de Woody Allen como as malas de #Antena3alastresymedia) que se rodaron no centro económico mundial. Pero New York City ten moito máis. E neste caso comezamos por Brooklyn (BR), o barrio que se está comendo o máis cool de la city.

I é que os prohibitivos prezos da Gran Mazá fan que artistas e demais fauna urbanita vaian escapando cara os barrios. E se Harlem, Queens ou o Bronx aínda safan, Brooklyn é o imperio dos modernos.

Ademais, foi o noso barrio durante 10 fantásticos (e sempre curtos) días, gracias ao piso que cederon os bos de Marta e Miguel. Polo que podemos pegarlle un bo repaso.

Graffiti de Brooklyn-New York

Graffiti de Brooklyn

Williamsburg

Brunch no Allswell-Brooklyn-New York

Brunch no Allswell, na rúa Bedfort

Podemos comezar o repaso polo norte, polo barrio de Williamsburg, o máis hipster de NYC. Nada mellor que un bo brunch no Allswell (na esquina da mítica rúa Bedford Avenue coa 10th), un dos bares con restos polacos que tanto me prestan atopar por aí.

Pegar un paseo pola Bedfort, entrar no modernérrimo mercado de MiniMall, disfrutar dos baretes e das ducias de barbería que cortan as barbas dos hipster, para rematar vendo as vistas do outro skyline, o que se pode ver dende o East River State Park.

Allswell-Brooklyn-New York

Allswell-Brooklyn-New York

Brooklyn Heights e as Pontes

Sky line de Wall St dende -Brooklyn-New York

Sky line de Wall St. dende Brooklyn

Outro dos paseos obrigatorios é por unha das zonas máis antigas de NYC. Ao carón do activo Downtown Brooklyn atopamos a zona de Brooklyn Heights, con edificios históricos tremendamente fermosos. Preto tes, para comer ou comprar, as movidas rúas Atlantic Ave, Court, ou Smith (paradas de metro Borough Hall, Jay St, Hiht St ou mesmo Court St, segundo vos cadren as liñas, e lembrade que o metro de New York non é tan complicado como parece, só hai que descargar a app, que funciona offline, e fixarse un pouco nos trens que pasan, pois pasan máis dun por cada vía), pero máis tirando cara a arriba e a costa.

As casas residencias son fantásticas, dando conta do nivel, e podes ver ata a casa de Truman Capote. Pero o seu é achegarse ata o Brooklyn Heights Promenade, un paseo impresionante que se constríu ao carón do mar (isto aínda é auga salgada), e polo que se pode ver o fantástico skyline de Wall Street, o que parece ser o máis famoso da cidade (se ben o máis bonito para min é o que se ve ao entrar no sur de Manhatan no Staten Island Ferry, pero diso xa falaremos…).

Ademais, por debaixo deste camiño, podemos baixar ao Brooklyn Bridge Park, un peirao recuperado que no verán que ser unha marabilla. De feito, estase facendo moito esto de recuperar antigos peiraos como parques de ocio, unha decisión ben fantástica. O caso é que estas dúas obras realizáronse pola presión dos veciños, para tranquilizalos pola transitadísima autovía que hai xusto detrás (a Brooklyn Queens Expy). Iso si, para custear as obras do parque, realizouse un edificio enorme, que se pegou de bruces coa crise inmobiliaria, por certo.

Brookyn Bridge dende -Brooklyn-New York

Brookyn Bridge dende Brooklyn Bridghe Park

Acabar a ruta debaixo do Brooklyn Bridge, disfrutando tamén da presencia do Manhattan Bridge, é espectacular, e se aínda tes forza e te atreves a cruzalo para chegar ao sur de Manhattan, completaches unha heroica!

Manhatan Bridge dende Brooklynk

Manhatan Bridge dende Brooklyn-New York

Prospect Park

Prospect Park-Brooklyn-New York

Prospect Park, en inverno

Outras das cousas que se poden disfrutar é o Prospect Park (metro Grand Army Plaza, 7th ou 15St – Prospect Park). Nós entramos polo norte, polo tremendo (de grande, porque de bonito…) Grand Army Plaza, e fumos baixando ata o lago. A verdade é que foi unha pena non ver estes parques en verán (o Central enverán ten que ser incrible), pero as estampas bucólicas do lago xeado tamén prestan.

Aínda que sexa menos da metade de grande que o Central Park, se cadra dá unha impresión de maior acollemento, pois en Manhattan os edificios e os pitos dos coches están presentes nos oídos de ata o último esquío…

Dycker Heights

Iluminacion de Nadal en Dycker Hights-Brooklyn-New York

Iluminacion de Nadal en Dycker Hights

E xa o vimos, pero non podemos esquecelo. Se vos colle o Nadal, merece a pena pasarse por Dycker Heights, no sur de Br, tirando cara Coney Island (cando vaiamos en verán haberá que coñecer esas praias neoiorquinas…). En Dycker Heights, zona de altísimo nivel económico, as familias pelexan por ver quen ten a casa mellor (bueno, o de mellor é un concepto relativo…) iluminada. O “horterismo” por bandeira, para min, pero así e todo é simpático percorrer, como fan ducias de familias as cuadras que deixan a 10th e a 13th coas 82th e 85th, un auténtico espectáculo (esperpéntico…).

Como detalle, disque unha boa iluminación (na meirande parte das casas hai un cartel da empresa que se encarga) ronda os 30.000$…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>