Curmáns polo mundo II: Vilanova de Lourenzá (por Breogán Lourido)

Obra de Eduardo Baamonde, Urban Sketchers.

[É desas persoas que pensa “coa pataca”. Que espectáculo. Que pertence a unha familia de utópicos-idealistas. A nosa. Os que o seguimos sendo porque, como este que se relata a continuación, sabemos que os soños se cumpren. Alguén que intenta deixar pegada sen pretendelo. Ditosos nenos esponxa! Eles teñen a culpa. Que non só coñece Galicia, séntea. Por iso puxérolle Breogán? Quizais o nome fixo ao home. Percibiredes todo iso dunha soa tacada. Condensado nun post. Ou unha carta. Persoal? Íntima? Sen dúbida. Pero así se deberían coñecer os sitios. Vibrándoos. Como el descubriu Vilanova de Lourenzá].

Chámome Vilanova.

Imaxina un mapa. Aló enriba, no noroeste da península Ibérica e pretiño da fronteira galega con Asturias. Ben arrimada a Alfoz ou a Trabada, e si, vale; tamén a Mondoñedo. Esa son eu. Chámome Vilanova de Lourenzá, e son filla de Lourenzo e máis de Ana; medrei ás beiras do mosteiro de san Salvador, e dende moi pícara, son anfitrioa de peregrinos e peregrinas que camiñan cara Compostela. Ás veces despexada e espelida, outras bretemosa e pensativa; trato sempre de ser hospitalaria cos e coas que me visitan: aconséllolles o río Baos ou a fonte da ra para calmar a sede, unha boa ración de fabas para xantar ou lévoos de troula ás verbenas do Conde santo.

Son deportista, amante da natureza, confiada e crente nas persoas. A familia que me acompaña todos os días está comigo nas boas e non tan boas. Ela encárgase de coidar o val, manter as leiras fértiles, xestionar as escolas e levar os negocios. A miña é unha familia unida, feliz e orgullosa; nas festas, no traballo e nas dificultades. Así debe ser. Son moitos anos de convivencia, e teño fe, en seguirmos así durante moitos máis, tan felices como ata agora.

Saúdos!

Vilanova“.

O anterior, é un fragmento dunha carta de presentación que o alumnado de sexto de primaria do CEIP Juan Rey de Vilanova de Lourenzá fixo da súa vila, coma se fose ela mesma quen falase, e sen máis motivo que transmitir dende o seu punto de vista, a imaxe que teñen do entorno que os rodea. Despois de pasar un ano de mestre, afincado nesa mesma escola e nese mesmo val, non podo máis que corroborar cada unha desas anotacións.

Cheguei a Vilanova o 12 de setembro de 2013 e vivín unha aventura que durou exactamente ata o día 29 de xuño do ano seguinte. Hoxe, case tres meses despois de rematada a experiencia e cinco máis tarde de comprometerme a escribir e a contarche, sentado diante do ordenador; teño dificultade para descifrar a sensación que sinto. Un calafrío percórreme o corpo da cabeza á punta dos pés e agroman no meu maxín unha morea de imaxes, só con reflexionar sobre o vivido.

Nunca antes estivera en Lourenzá, pero a idea do mestre errante, nun pobo do interior do país, integrado na vida do entorno e a posibilidade dun traballo diferente, lévame a escoller Vilanova entre os destinos aos que puiden optar. Ao volante do coche, namentres viaxo durante as primeiras dúas horas e media que separán Rebordechán da Terra das fabas, cavilo e teño un pouco de medo. Marcho todo o ano e non coñezo a ninguén, a unha poboación duns escasos 900 habitantes e cos invernos con fama de duros. Coñezo dous datos de antemán: vou para unha aula de 9 nenas/os e serei titor de 6º de primaria. Arrisco, teño pouco que perder.

Dende o primeiro día as sensacións son boas; o alumnado é receptivo e as compañeiras e compañeiros converten en sinxela, a participación e integración na vida escolar. Primeiro reto superado. Queda o máis difícil. Resta, a meirande ledicia de Vilanova.

O ser humano constitúe o maior tesouro e o mellor recordo de Lourenzá. Confiada e crente nas persoas… E tanto! As portas abriron dende o comezo e permanecen así ata hoxe. Dende aquel viño no Morrigan ata o xantar de Ribadeo, un máis; coas súas virtudes e os seus defectos, cos seus dereitos e as súas obrigas. Marabilloso. A aventura n´A Mariña foi máis alá do escolar e volvo dese recuncho do mundo, un bocado máis idealista. En Vilanova de Lourenzá fun adestrador do seu equipo de fútbol e convivín co mellor vestiario que coñecín, traballei na escola dun xeito dificilmente repetíbel, compartín conversas sen importar a idade, o tema ou a hora; levei o bote os domingos por ser o último en chegar aos viños, fixen amizades, paseei baixo a chuvia e vivín, moito! Probablemente, a mellor aventura da miña vida. As experiencias son e supoñen máis, en función daquelas coas que teñas a oportunidade de compartilas. Esta foi enorme.

Fóra do máis sentimental e do persoal, Lourenzá encádrase nunha praza singular, unha de tantas que atopamos no país, a escasos dez minutos da praia e co encanto das terras do interior; das que recomendaría calquera das súas vereas para perderse na natureza ou mollar os pés nalgún dos areais próximos. Se tivese que elixir, subiría ao mirador d´A Frouxeira, e; ao baixar, na aldea de Cordido, xa no limítrofe concello de Foz, o Lugar do Sixto. O punto e final (ou seguido), é deses imprescindibles.

A ti, non che gardo segredos, calquera itinerario sería a elección axeitada. Aínda sendo probábel que as conversas e as persoas, deixen os paseos para a segunda visita.

Unha reflexión sobre “Curmáns polo mundo II: Vilanova de Lourenzá (por Breogán Lourido)

  1. MáisUnLaurentino

    Agora mesmo o teu primo, o mestre, ten a un pobo chorando, digoo polo teu/seu post, que anda replicando polo facebook como unha pulga dentro dunha caixiña desas que se ven nas pelis antiguas sobre a vida no lonxano oeste. Unha mágoa que tivera que marchar, de feito estábamos dispostos a prevaricar e conspirar para que quedase con nos, pero claro…, os que o queriamos non somos así e seríamos incapaces, ainda sabendo que os que máis perderíamos coa sua marcha seríamos nos e os nosos nenos.
    ¡Muitas grazas Breogán!

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>