Costa Rica, un destino para os amantes da natureza

Costa Rica e o calificativo ou saúdo “Pura Vida” son indisociables. Calquera que viaxase ó país de Centroamérica, indagase un pouco na cultura dos ticos ou lese o libro titulado igualmente Pura Vida, de José María Mendiluce, o pode saber.

Pura Vida é un estado de ánimo, algo equivalente a dicir “moi ben”, ou “inmellorable”, así como tamén sirve para que en calquera parte do territorio costarricense e á calquer hora do día che brinden un “Pura Vida”.

Pero os dous vocablos testemuñan a impresionante riqueza en biodiversidade que alberga este pequeno país. Estímase que un 4% das especies terrestres do noso planeta se atopan en Costa Rica, polo que supón un verdadeiro paraíso para os amantes da natureza.

No meu primeiro artigo para este blog de viaxes quero amosarvos en catro paradas a riqueza e o contraste dun país que creo non deixa indiferente a ninguén. A min, alomenos, non me deixou.

San José

É a capital de Costa Rica e o punto de partida de todos os percorridos por este país debido a que se atopa no centro do mesmo e esta dotado co aeroporto internacional Juan Santamaría. Situado no Valle Central, é o centro económico, administrativo e comercial do territorio centroamericano. Non destaca precisamente pola súa beleza pero as axencias recomendan pasar un día alomenos neste centro neurálxico do país. Paga a pena deterse no Teatro e no Museo Nacional, así como no Mercado Central de San José. Igualmente conta con numerosas tendas e establecementos de restauración onde degustar un casado, prato típico do país tico que consiste en arroz fervido, frixoles e un plátano doce frito que se acostuma acompañar de carne de vacún, porco ou polo. O restaurante El Patio de Balmoral, no centro da capital, é perfecto para saborear esta receita.

Á hora de pernoctar recomendo reservar habitación nun precioso hotel rural con encanto de nome Rincón del Valle, ubicado enfrente do parque metropolitanoLa Sabana, no oeste de San José (a menos de dous kilómetros da cidade e a uns quince kilómetros do aeroporto internacional)

Parque Nacional de Tortuguero

Tras terse aloxado unha noite en San José collemos rumbo ó segundo destino da ruta trazada para ver Costa Rica, o Parque Nacional de Tortuguero, para moitos a alma deste belo país. O itinerario faráse en autobús ata o embarcadoiro de La Pavona (unha viaxe de dúas horas) e a continuación colleráse unha lancha para acceder ós canais naturais de Tortuguero e poder chegar así ó aloxamento no medio da selva. Neste caso eleximos o Hotel Pachira Lodge. Este recorrido tamén se pode facer en avioneta desde San José ata Parismina, ó sur do parque, ou ata Tortuguero.

Durante a estancia no parque exploramos en bote o incríble sistema de canais naturais para vivir o despertar do bosque chuvioso e realizamos unha andaina polos camiños naturais que ofrece este parque nacional.

Tortuguero representa o máis importante enclave do Caribe para o desove e a crianza da tartaruga verde. Outras especies de tartaruga mariña que habitualmente desovan nas extensas praias do parque son a baula, a carey e a cahuama. A fauna é rica e diversa. Entre os mamíferos que habitan o parque son particularmente abundantes varias especies de monos como os carablanca e os colorados, en perigo de extinción; e os congo ou aullador, os máis comúns en Costa Rica. En Tortuguero non se precisa despertador; nada máis saír o sol os bramidos do aullador danche a benvida a un novo día. Este parque nacional tamén alberga poboacións estables de especies ameazadas como o jaguar e a nutria. Polo que respecta ás aves, están censadas 309 especies. Igualmente, nesta grande Venecia da Natureza vive o caimán ou o escaso cocodrilo.

No que respecta á flora, e debido a que o parque e o refuxio constitúen unha das zonas máis chuviosas de Costa Rica, téñense identificado ata 11 hábitats diferentes. Así os principais son a vexetación litoral, con abundante presencia de cocoteiros, os bosques pantanosos ou os bosques altos moi húmidos.

Non se pode abandonar o parque nacional sen visitar o pobo de Tortuguero onde admirar a cultura do lugar e mercar artesanía local.

Parque Nacional Volcán Arenal

A nosa terceira parada no país será o Parque Nacional Volcán Arenal. Para dirixirnos a este destino novamente saímos en lancha de Tortuguero en dirección ó muelle La Pavona para poder desde alí viaxar en autobús ata o Distrito de La Fortuna, a 17 kilómetros do Parque Nacional Volcán Arenal. Éste alberga o cráter que lle da nome e que se considera o máis activo do país centroamericano pola súa frecuente actividade. O último período de actividade histórica databa dos séculos XIII e XIV pero en xullo de 1968 o volcán espertouse cunha forte explosión que lanzou ó aire unha enorme cantidade de materiais volcánicos e cinzas que o vento transportou ata Liberia e Santa Cruz, na provincia de Guanacaste.  Desde entón ata hoxe o Arenal ten rexistrado unha grande cantidade de erupcións, a última en agosto do ano 2000, o que o converte nun excepcional laboratorio natural para vulcanólogos e nun singular atractivo para os turistas. Paga a pena acudir a algunha das termas de auga quente que xera o volcán ou percorrer algún dos sendeiros que te conduce en dirección ó mesmo e ata o sinal que reza “perigo, zona de alto risco volcánico, prohibido o paso” e que che ofrece unhas vistas impresionantes do Arenal.

Á hora de elixir aloxamento en La Fortuna, recomendo o Hotel Montaña de Fuego, dotado de pequenos apartamentos con todo tipo de comodidades e un excelente restaurante onde paladear un exquisito Arroz ó volcán ( unha mixtura entre carnes e legumes en salsa pomodoro, adornado con ensalada típica).

Do Caribe ó Pacífico recalando en Praia Buena

Como destino final do percorrido, pasaremos tres días nun resort da zona do Pacífico, concretamente no Hotel Occidental Grand Papagayo, ubicado en Praia Buena, localizada na Costa Pacífica Norte da Rexión de Guanacaste. Trátase dun enclave idílico no que descansar e disfrutar tanto da auga doce das piscinas como da auga salada do Pacífico, así como rodearse de máis natureza e especies autóctonas como o pizote, da familia dos mapaches.

4 reflexións sobre “Costa Rica, un destino para os amantes da natureza

    1. Adriana Rodríguez Eiroa

      Laura UveErre Eu tamén volvería a verdade porque aparte do que din as fotos que falan por sí soas, tamén merece a pena pola súa xente e pola gastronomía, para min exquisita, a materia prima un 10, a froita inmellorable (a piña e o mango teñen un sabor indescriptible) e o café, mi madriña….

      Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>