Cinque Terre: cinco pobos encantadores á beira do mar

Riomaggiore

Riomaggiore, un dos cinco pobos que integran a Cinque Terre

A medio camiño entre Génova e Pisa xorden na costa italiana cinco pequenos pobos colgados no mar con casas de cores coñecidos como Cinque Terre (Cinco Terras). Monterosso al Mare, Vernazza, Corniglia, Manarola e Riomaggiore son os nomes que reciben estas marabillas que aparecen rodeadas de bancais de viñedos e bañadas por un brillante Mediterráneo.

As opcións para coñecelos son moi variadas, xa que están situados moi preto uns doutros, e o percorrido pode facerse perfectamente nun día. Nós optamos polo tren para a ida, parando en todos os pobos, e o barco para a volta, para achegarnos a eles dende o mar. Ollo cos horarios xa que os trens prolónganse ata case media noite, pero os barcos cesan a súa actividade antes de poñerse o sol.

Tamén podedes alugar un coche e esquecervos dos horarios ou facer o percorrido a pé a través do Sentiero Azzurro (Camiño Azul), que discorre polo Parque Nacional Cinque Terre.

Monterosso al Mare é o pobo máis occidental da Cinque Terre

Monterosso al Mare é o pobo máis occidental da Cinque Terre

Logo de facer noite na Spezia, empezamos a ruta por Monterosso, o pobo máis occidental dos cinco, que conta coas típicas casas torre, atravesadas por estreitos carrugi (pequenas rúas medievais). A súa praia é a máis extensa da Cinque Terre, repleta de aliñadas hamacas e coloridos parasoles.

Vernazza

Vernazza e a igrexa de Santa Margherita de Antiochia

A seguinte parada foi Vernazza, recorrida por empinadas e estreitas rúas que baixan ata a principal. Destaca a igrexa de Santa Margherita de Antiochia que foi levantada sobre unha rocha, fronte ao mar, cun impresionante campanario de corenta metros de altura adornado por una cúpula puntiaguda. Subimos ata o castelo Doria, símbolo da importancia económica que tivo na antigüidade e que domina o pobo na parte sur. Vernazza non conta con praia propiamente dita, pero iso non é un problema para os turistas que gustan do sol e colocan as súas toallas nas rocas ou no peirao.

Corniglia

Corniglia presenta vivendas máis baixas que os outros pobos da Cinque Terre

Continuamos ata Corniglia. Para acceder á aldea dende a estación de ferrocarril é preciso subir a Lardarina, unha longa escalinata de 33 tramos e preto de 400 chanzos.  A tipoloxía urbana de Corniglia é mais similar á dos centros rurais do interior, con casas máis baixas que os outros pobos da Cinque Terre. Aínda que dá ao mar, só se acceder ao pobo en tren, a pé ou en coche, xa que a ruta en barco que percorre o litoral non fai parada en Corniglia porque carece de peirao. Percorrendo o casco antigo demos cun miradoiro dende o cal contemplamos a costa e o seguinte pobo: Manarola.

Manarola dende o mar

Manarola vista dende o mar

Manarola está situada sobre un escarpado promontorio de pedra escura, co porto pechado entre dúas formacións rochosas. Da antiga fortaleza só quedan os restos dun bastión, probablemente do século XIII. Tampouco conta con praia, pero a pequena rampla que da ao mar preséntase ateigada de turistas que toman o sol e se refrescan saltando á auga dende as rochas.

Rúa principal de Vernazza

Rúa principal de Vernazza

E chegamos a Riomaggiore! Se queredes facer a pé o camiño dende Manarola ata o último pobo da Cinque Terre -segundo a orde na que nós programamos o percorrido- podedes facelo a través da Via dell’Amore, que une ambos pobos e discorre á beira do mar.

As vivendas de Riomaggiore, pintadas das clásicas cores ligures, seguen o esquema das casas torre -presente en todos os pobos que visitamos- de tres ou catro plantas. Riomaggiore conta cunha praia de rocas e outra á que só se pode acceder por mar, que inclúe unha fervenza natural.

Riomaggiore

Riomaggiore segue a tipoloxía urbana típica da Cinque Terre

Rematamos a nosa visita a Cinque Terre neste punto ao solpor, cun par de cervexas, os típicos conos de peixe fritido, a tranquilidade do mar, a posta de sol e tentando gravar o momento no recordo… e na cámara ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>