Bigotes do mundo I: A India

Movember é unha campaña que toma o nome da contracción entre moustach e November. Consiste en usar eses peliños debaixo do nariz como arma para cambiarlle a cara á saúde masculina. Son a escusa perfecta para iniciar conversas acerca dos temas importantes que nos deberían preocupar a todos: os cancros de próstata e testicular, a saúde mental ou a falta de actividade física. Tamén nos permiten mostrar publicamente o noso compromiso coa causa, axudándonos a animar aos demais a contribuír con doazóns.

Para este mes de Movember decidín tirar dos meus contactos na empresa para facer unha rede global de bigotudos. Convencemos aos colegas indios, húngaros, alemáns, mexicanos, estadounidenses, brasileiros, portugueses e galegos para que se unisen.

Se queredes saber como deixar medrar un bigote en distintas partes do mundo, este é o voso post.

Manesar e Talegaon, India –Onde o bigote é o habitual

As normas oficiais de Movember din que se debe comezar o 1 de Novembro completamente afeitado, e ir deixando medrar o mostacho ata o 31. Mentres que na maioría dos países o complicado é convencer aos homes para que deixen mostacho durante un mes, o realmente difícil na India e conseguir que aparezan no traballo coa cara totalmente afeitada o día 1!

Como vedes, non conseguimos convencer a moitos colegas de Talegaon para que na foto “before” aparecesen afeitados

O mostacho é un elemento máis diferenciador das distintas castas. Símbolo de poder, só as castas máis altas podían levalo mentres que o afeitado ou a barba estaba reservado para as castas máis baixas. No século XX suponse que as castas xa foran abolidas, pero o mostacho sigue sendo un símbolo de masculinidade e forma parte da súa cultura. Pero polo que se comenta, agora o moderno alí é ir coa cara limpiña, e a mocidade afeitase a ver se ligan máis, para vergoña dos seus pais. O mesmiño que aquí.

O bigote de Anil dalle un toque señorial ao seu perfil de Linkedin

O bigote de Anil no seu perfil de Linkedin

India é un subcontinente cunha inmensa diversidade cultural. O mostacho non podía ser unha excepción. Leo que o bigote predomina no Sur mentres que é menos común no Norte, e coincide coas fotos que os colegas me mandan de Talegaon (Pune, máis ao Sur) e Manesar (Delhi, tirando cara ao Norte).

Xa entrando na relixión, os sikhs non poden cortar o pelo, e moitos levan esa práctica tamén á barba. Son estes indios que vemos cun turbante enorme recollendo o pelo de toda unha vida. Aínda que Sujit, o ex-xefe da planta, só levaba bigote e ben recortadiño. Tamén ei de dicir que era un sikh un pouco de pufo, que paraba comigo na rotonda a botar un pito antes de voltar a casa para que a familia non o vise (suponse que os sikh non fuman).

Barbeiro rúa

Cando viaxo, sempre tento experimentar os costumes locais. Pero á veces non me atrevo, como co barbeado na India

Un lugar onde seica permanece o bigote señorial é nas recepcións dos hoteis de 5 estrelas. Fai tempo que non estou alí para comprobalo, pero os espectaculares mostachos destes personaxes foi algo que nos chamou moitísimo a atención na primeira visita. Como tamén chaman a atención os barbeiros da rúa. Afeitándose na mediana de terra que separa os carrís polos que conducen os vehículos esquivando os animais, e levantando tanto pó que a toalla do barbeiro é máis marrón que branca. Pero teñen moito éxito, imaxino con clientes que dormen na rúa, pero non só.

A marcha do sal é o primeiro gran acto de desobediencia ante o Imperio Británico. Posteriormente Gandhi organizaría outros boicots como os chamamentos a vestir roupa feita en India en lugar da importada, ou – isto descubrino hoxe ao investigar sobre os mostachos – os chamados a deixar barba como acto de protesta ante as máquinas de afeitar importadas.

Despois destas notas histórico culturais, imos coas fotos dos colegas de BorgWarner, que era o tópico principal deste post!

Busca a Wally: a ver se atopades ao meu amigo Gerardo nesta foto

Busca a Wally: a ver se atopades ao meu amigo Gerardo nesta foto

Continuará …

Categorías:  Mundo
Etiquetas:  ,
Data: 
Miguel

Moi curioso, encántame aprender todo o que poida dos sitios polos que paso. Viaxeiro por motivos laborais, teño quizais unha perspectiva distinta dos países que visito que á do típico turista ou a do mochileiro. Aínda que nas miñas viaxes teño moi pouco tempo para visitar lugares con encanto e facer fotos espectaculares para subir ao Facebook, si que paso moitas horas traballando e falando con persoas de culturas moi distintas á nosa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>