Apps útiles para viaxeiros conectados

Minube

Miles de viaxeiros comparten a súa experiencia en Minube

Moitos de vós estades de vacacións e algúns collerémolas nos vindeiros días :) polo que se andades preparando a vosa viaxe aquí vos deixo unha listaxe de aplicacións que vos van ser moi útiles á hora de planificala, xa que cada vez somos máis os viaxeiros conectados que botamos man do noso smartphone para consultar restaurantes, vós, hoteis, alugueres de coches, rutas, praias, o tempo, wifis …

TransporteSkyscanner, eDreams e Kayak son os buscadores de vós máis coñecidos. En calquera destas webs podedes buscar vós, hoteis e alugueres de coches. No caso de eDreams tamén podedes consultar trens ou cruceiros en barco. Se vos movedes en coche e vos gusta compartir viaxe, Blablacar é unha boa opción, ademais de económica.

eDreams

En eDreams pódesense buscar vós, alugures de coches, trens, hoteis…

Aloxamento. Se optades pola opción hotel/apartamento/pensión/albergue en Booking e Trivago podedes buscar por prezo, distancia ao centro da cidade, valoracións doutros clientes, servizos dos que dispoñen… Mentres que en Airbnb atoparedes aloxamento con anfitrións de máis de 190 países.

Onde comer. El Tenedor dispón de reservas e promocións de miles de restaurantes en España, tamén en Francia, Portugal, Bélxica, Italia, Suíza, Turquía, Brasil e Suecia. Mentres que en TripAdvisor ademais de buscar os restaurantes preto de vos por todo o mundo podedes consultar prezos, tipo de cociña e valoracións de outros clientes.

El Tenedor

El Tenedor dispón de reservas e promocións de miles de restaurantes en España e outros oito países

Qué ver: TouristEye é unha aplicación para viaxeiros e feita por viaxeiros, na que se vos recomendan lugares que ver dependendo do sitio no que vos atopedes, os vosos gustos e o momento do día. E poderedes levar toda a información, fotos e mapas no móbil sen preocuparvos de conectarvos a wifi ou pagar roaming, xa que funciona tamén offline.  Esta aplicación mostra información integrada coa seguinte recomendación, Foursquare. Trátase dunha app para procurar os mellores lugares para comer, beber, comprar ou visitar en calquera cidade do mundo. Por último non nos esquecemos de Minube. Moi similar a TouristEye, Minube serviravos de inspiración para a vosa viaxe e poderedes compartir a vosa experiencia con outros viaxeiros.

TouristEye

TouristEye é unha aplicación para viaxeiros feita por viaxeiros

Ubicación. Non podía faltar un navegador para chegar a calquera lugar. Navmii é unha aplicación gratuíta de navegación e tráfico que conta con mapas almacenados que se poden empregar no estranxeiro sen conexión a internet.

Moeda. Se viaxades fóra da zona euro, con XE Currency poderedes consultar o tipo de cambio de calquera moeda sen necesidade de estar conectados a internet. No caso de ter datos, o cambio de divisa actualízase en tempo real.

Equipaxe. PackPoint fará a maleta por ti! Esta aplicación gratuíta configura a túa maleta segundo o destino da viaxe, duración, tempo meteorolóxico e actividades que teñas programadas. Para os máis despistados pode ser de moita utilidade.

Packpoint

PackPoint configura a túa maleta sengundo o destino, duración e actividades programadas

Meteoroloxía. Dependendo dos plans que teñamos o tempo pode influír na nosa viaxe ou non. A aplicación de AEMET seranos útil no territorio español,mentres que no estranxeiro podemos botar mar de AccuWeather.

Sendeirismo. Para os que optades por un plan máis activo, Naturapps ofrécevos numerosas rutas de sendeirismo no territorio español. Premiada en 2014 en Fitur como mellor aplicación nacional de turismo activo, esta app permite consultar a duración das rutas, percorrido, niveis…

Naturapps

Naturapps conta con diversas rutas de senderismo no territorio español

Praias. A app AQuePlaya permitiranos atopar a praia galega máis axeitada en función da preferencia dos usuarios, podendo filtrar a nosa busca polo estado do ceo, temperatura da auga, intensidade do vento, dispoñibilidade de ducha, tipos de acceso… A nivel nacional dispoñedes de iPlaya, que recolle más de 2000 praias do litoral español.

Aventura. Bookaplan é a vosa aplicación se vos interesa o parapente, buceo, rutas en bicicleta, kaiak, vela, festas tradicionais, enogastronomía… Ofrécevos información sobre a actividade e o provedor, así como ofertas e tíckets no móbil para que non teñades que imprimir as vosas reservas.

Esta é tan só unha pequena escolma xa que en realidade hai infinidade de aplicacións que poden resultar moi útiles á hora de viaxar, moitas delas similares ás que vos propoño e outras verdadeiramente insospeitadas. Podedes completar esta listaxe con aplicacións que procuran wifis, radares, mareas… E vós, cales empregades?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>