Ao sol de Portugal

PortugalPlaneando as vacacións de verán? Bótovos unha man cunha oferta de praia e cultura cunha tarifa low cost.

O país veciño destaca por ter o mar a tiro de pedra de zonas de interese turístico e cultural importantes; ademais, ao diminuír en latitude, garantímonos mellor tempo sen ter que coller un avión ou recorrer moitos quilómetros; e non é nada difícil atopar un hotel ou un apartamento ben de prezo.

Sobrevoamos Portugal de norte a sur e indícovos o máis destacado?

1. O Porto e Aveiro

A zona entre Porto e Aveiro xa a visitamos dende Equipaxe de man. Recordades cando nos fomos a Braga ou Porto? Son cidades preciosas, cheas de vida e próximas a Aveiro, a que din que é a Venecia portuguesa. Góndolas con gondoleiros e pontes hai. Dou fe. Tamén prazas xeitosiñas, terrazas á beira dos canais e unha manga de terra que deixa un pequeniño paso para o mar creando unha lagoa de auga salgada. Non vos perdades as praias desa zona. Recordo algunha, inmensa, virxe, sen ninguén. Un sitio para quedarse.

2. Nazaré

O entorno de Nazaré quizais sexa dos meus favoritos; e é que a praias estupendas súmanselle moitos lugares para visitar. Óbidos, Peniche, San Martinho do Porto, Batalha ou Leiría non se atopan lonxe do que é un dos maiores centros turísticos portugueses.

Entón, que mellor que un pouco de sol pola mañá e un paseo turístico cerquiña pola tarde?

3. Lisboa

Coñecedes a capital? Nós xa nos pasamos por alí; non unha, nin dúas, senón tres veces. Pois se ao percorrido polas súas rúas e monumentos o complementades con visitas ás vilas próximas de Cascais ou Sintra e ás súas praias de area inmensas; teredes para semanas de goce e descanso.

4. O Alentejo

En Equipaxedeman estivemos en Evora, no interior. Eu teño moitas conversas compartidas da costa do Alentejo, que para min é a gran descoñecida e a gran anhelada. Praias inmensas, Grândola e quilómetros de natureza e descanso fan que sexa un destino próximo. Contaréivolo!

5. O Algarve

O Algarve quizais é a zona turística comercial, máis coñecida de Portugal. Se buscades sol, ambiente e festa: Faro, Lagos ou Albufeira son o voso sitio. Se o que queredes é calma e tranquilidade, o Algarve tamén a ten; é cuestión de buscar un pouquiño.

Agora que xa vos presentei un pouco o meu Portugal, ofrézovos que me sigades a acompañar na viaxe xa que, nos próximos posts, pisaremos terra e, pouquiño a pouco, iremos enfiando retais do país veciño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>