A Pyla de area

“Víchedes a duna de Caños de Meca? É a máis grande de Europa despois dunha alemá”. Inventou Paco. Este home, natural de Vejer, tamén afirma que os barros que se forman entre a auga doce dos canos (que dan nome ao lugar) e a rocha dos cantís “son augas residuais”. Non é momento de discutir o segundo, agora toca confesar que fun eu a que me levei as dunas de Caños de Meca nas miñas alpargatas, seguramente por iso agora é a Duna de Pyla (Francia) a máis grande de Europa. Ai! Paquiño, Paquiño…

Cando comezas, polos chanzos de madeira, o ascenso á duna, mentres te arrepintes, un día máis (e xa levas demasiados este ano), por non te apuntar ao ximnasio, non imaxinas o sentimento de nimiedade que está a punto de sacudirte. Chegas cando percibes por fin o vento na túa cara e ves esa xigantesca bandeira tricolor creada pola natureza. A costa atlántica francesa á túa dereita pintada de azul; de fronte 2,7 km de area clara (87 hectáreas de superficie); e Las Landas, o maior bosque de Europa de piñeiros marítimos (600.000 hectáreas), cubrindo de verde o lateral esquerdo. Paréntese. Estaría a pensar Paco na duna da praia de Bolonia (Cádiz)?

Duna de Pilat 2

Estamos a falar dunha duna móbil, calcúlase que cada ano se despraza 3-4 metros cara ao bosque, así que a súa posición e xeomorfoloxía van variando (si, o de “xeomorfoloxía” tíveno que buscar). Unha duna que viviu de preto como tamén o mundo variaba ao seu arredor. A zona foi escenario de conflitos relixiosos no século XIX e bélicos como a guerra dos Cen Anos. Se tras subir os chanzos de madeira es ti o que, para variar (fiando con calzador, admítoo), decides facer algo de exercicio, que saibas, cando te sintas preparado, que tres dos catro camiños de peregrinación que pasan por Francia cruzan a zona. Se, como din, facer o camiño de Santiago é unha forma de autodescubrimento, desvíate, detente na duna de Pyla, sobe ao seu cume, respira fondo, mira á inmensidade… o demais virá só. Paco, en serio, non atopo ningunha duna en Alemaña!
PD: Perdón polo pésimo chiste do título. Vai por ti “tito Moncho”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>