A maleta dunha blancucha adicta ao traballo

Maleta Vicky1. Sombreiro e lentes de sol. Os guiris praieiros e eu compartimos un mesmo xene, non sei cal é, pero para a nosa especie toda protección solar é pouca. Sombreiro e lentes de sol son dous básicos, iso si, as lentes sempre por dous, as “baratiñas” para a praia e as graduadas para todo o demais.

2. Peto para viaxes. Un diy que vos ensinei hai tempo é este peto para viaxes. Non sei como vos quedou a vosa pero na miña deixei unha fuga por algún lado. Que dicir, cando falamos de vacacións todo peso no fondo dunha lata é ben recibido. Isto cos porquiños con trevos non pasaba, estaban pensados para que che dese pena rompelos.

3. Libreta. Sempre está ben levar algo onde apuntar os mellores descubrimentos da viaxe, calas recónditas, restaurantes ou rúas especiais. Sobre todo cando escribes nun blog de viaxes. Pero admito que ao final nunca o fago e volvo literalmente tolos aos meus acompañantes cando chega o momento de redactar o post.

4. Estética. O verán senta ben a todo o mundo, é unha realidade, así que fora potingues! Cun spray hidratante para coidar o cabelo do sol e unllas de cores alegres é máis que suficiente.

5. Cremas. Un día queimeime (moito) tras catro horas de praia, debaixo dunha antuca, con protección 50 cada 30 minutos. Teño testemuñas que volo confirmarán entre risas. Non sei como explicarvos o sensible que son ao sol. Por iso cargo sempre cun arsenal de protector solar, after sun e cacao. O verán non fixo máis que comezar así que isto é unha pequena mostra.

6. Guía de viaxes. Hai viaxes nas que con catro recomendacións e o ánimo de perderse un vai servido. Pero cando soñas con planear unha viaxe perfecta pola costa oeste de EEUU toda información previa sabe a pouco

7. Lectura. Pode ser “813 Truffaut” de Paula Bonet ou pode ser a Cuore. Se vas á praia e es das que se aburre tomando o sol é obrigatorio levar lectura. Aínda que logo te pases a tarde intentando atopar unha postura cómoda para ler, na que non se che durman os brazos, non queimes as costas, e non te cegue o sol nos ollos.

8. Bikini. Dá igual que sexa verán ou inverno, que vaias á praia ou á montaña, en modo “aventureiro” ou “de museos”… non ocupa nada e nunca sabes cando poderás necesitalo. Inesperado jacuzzi ao aire libre entre as asturianas montañas de Teverga, é todo o que podo dicir.

9. Carga extra. É a miña nova adquisición para este verán. Non sabemos vivir sen móbil, iso é así, e en vacacións pisaremos a casa/hotel/tenda de camapaña o mínimo. Preocuparnos pola porcentaxe de batería que queda no móbil xa non é un problema.

10. Música. Son moi de facer un cd especial para cada viaxe ou cargar o mp3 do coche con música para a ocasión. No verán andaluz de 2014 os hits foron “Quiéreme” de Nuria Fergó e Manu Tenorio ou a Niña Pastori con “queme perdone el santo padre pero yo… “.

11. Ordenador. Cada vez somos máis os que vivimos co ordenador baixo o brazo e fichando sitios con wifi alá onde imos. O traballo pode xurdir en calquera inoportuno momento e hai que estar preparado. Se alguén ten un truco para deixalo no maleteiro e que non se requente que me avise.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>