A libraría Altaïr en Barcelona, todo o mundo en dous pisos

Libraría Altaïr Barcelona

Pasar a porta para dentro do número 616 da Gran Vía de Barcelona, é toda unha experiencia para calquera alma viaxeira. A pranta baixa do edificio ocúpaa Altaïr, unha libraría especializada en viaxes na que se pode atopar información sobre os destinos máis recónditos do planeta.

Se che gustan os libros e che gusta viaxar, esta é unha parada recomendada cando visites a cidade condal, pois é a maior libraría europea especializada en viaxes, e foi fundada no 1979.

“A viaxe empeza aquí”, reza o seu eslogan, e eu non podo estar máis de acordo, porque nestes dous pisos atoparás todo o imprescindible, ata a inspiración, para o seguinte destino.

Librería especializada en viaxesAs guías turísticas e os mapas ocupan un oco importante nos seus estantes, pero Altaïr é moito máis que iso, xa que é un establecemento no que todo xira en torno ás viaxes e ao coñecemento do mundo. Podes atopar desde libros de cociña, ata literatura de viaxes ou lecturas sobre os diferentes destinos e outros materiais que che axudarán a ir coñecendo máis en detalle a cultura e as costumes de moitos países do mundo.

Altaïr é tamén unha editorial especializada, que publíca a revista do mesmo nome,  unha referencia que conta con monográficos sobre diferentes destinos turísticos, que xa quixeran moitas guías.

A libraría é tamén un espazo cultural, no que acontecen coloquios, presentacións, cursos e todo tipo de actividades sociais e culturais vinculadas ao feito de viaxar. Entre as estanterías do local hai moitos accesorios viaxeiros que necesitarás na túa viaxe, como mochilas, libretas, bolígrafos, fundas para iPad, utensilios para ir de camping…

Librería Altair

Se o que precisas é unha coartada para finxir que estiveches nese país exótico que lles dará tanta envexa aos teus compañeiros de traballo, tamén podes comprar fotos e postais.

Ollo! Cando saes do número 616 da Gran Vía de Barcelona, levarás contigo o mono de viaxar (e probablemente unhas cantas compras para irte preparando). Pode que non teñas prevista unha viaxe a esta cidade nos próximos meses, así que se queres podes dar un vistazo á súa web.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>