A lenda do Santo Cristo de Fisterra

Na Igrexa de Santa María das Areas, réndese gran veneración a unha imaxe de Cristo Crucificado que alí se atopa desde tempos moi antigos. A peregrinación para orar ante a milagrosa imaxe vén celebrándose desde hai moitos anos durante a época de Semana Santa e Pascua de Resurrección e, como en todas as peregrinacións e romarías, cántanse coplas populares alusivas á figura do que é obxecto:

Santo Cristo de Fisterra
Santo dá barba dourada
Veño de lonxe terra
Santo, por verche a cara
.

Pero, de onde vén a fama deste Cristo? Quizais a fama deste Cristo lle veña por chegar a Fisterra dun modo que parece cousa de milagre, o que deu orixe a esta lenda.

A finais do século XII, un día en que as enfurecidas ondas rompían dunha maneira aterradora, os pobres pescadores, cando recollían as súas redes rapidamente para volver ao porto, déronse conta de que un gran barco se balanceaba sen poder avanzar no seu camiño, coma se estivese preso pola súa áncora.

E os mariñeiros viron como daquel barco arroxaban ao mar unha gran caixa, e a caixa non se afundía, senón que se mantiña flotando sobre o mar enfurecido; e entón, o barco coas súas grandes velas infladas polo vento, proseguía o seu rumbo.

As barcas dos pescadores remaron entón cara a aquela caixa misteriosa, pero sen que puidesen achegarse a ela, que empuxada pola axitada marea, ía achegándose á costa ata varar na area.

Deseguido a xente acudiu á praia; con martelos e machadas conseguiron abrir o caixón e, os mariñeiros, mulleres e nenos que corrían descalzos polo areal, e todos os habitantes da vila, viron, curiosos e asombrados, que dentro daquela caixa estaba un Santo Cristo cravado na cruz.

Comprenderon entón porque o barco que levaba aquela caixa non podía afastarse de alí. Era que o Santo Cristo quería quedar en Fisterra, e por iso, só cando o botaron ao mar para que puidese achegarse a terra, o barco logrou continuar a súa viaxe.

A imaxe foi levada en procesión á igrexa e alí permanece sendo obxecto de gran devoción.

E dise que cando unha gran marusía ameaza invadir a vila de Fisterra, é o Santo Cristo quen a libra do perigo, o que vén sucedendo desde aquel afastado día en que chegou alí. Alguén, nun día de moito mar, fixo esta sinxela pregaria:

“Santo Cristo de Fisterra,
que viñestes polo mar,
líbranos do mar a terra
e líbranos de afogar”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>