A Bretaña francesa I: Rennes

A Place Sainte-Anne e as súas tradicionais casas de madeira

Terra de celtas, druídas, e máis tarde escenario das lendas medievais dos cabaleiros da Táboa Redonda, a Bretaña francesa ofrece un viaxe pola xeografía de lugares fantásticos. Situada na parte noroccidental de Francia, continúa sendo unha rexión cunha cultura que se mantén orgullosamente ligada aos orixes celtas.

Armor -en bretón, “terra asomada ao mar”- é a Bretaña costeira, rocosa, varrida polo vento e as olas. Unha Bretaña moi distinta a Argoat -“terra de bosques”-, característica polos seus prados e suaves outeiros. Nesta ocasión viaxaremos cara o interior, onde está Rennes, capital e única cidade grande de Bretaña. Esperta e activa, o seu importante núcleo universitario atrae a presenza de moitos rapaces, ao mesmo tempo que as manifestacións artísticas e culturais supoñen un motivo de atracción para numerosos visitantes, que atopan en Rennes un animado foco cultural.

A comezos do século XVIII un incendio devastou a cidade e destruíu case un millar de casas de madeira máis non eliminou o aspecto medieval do seu centro histórico xa que diversas edificacións dos séculos XVI e XVII dotan de personalidade ao barrio vello.

Nas súas rúas mestúranse e contrastan o pasado medieval e un particular clasicismo, resultando un conxunto de gran elegancia. Así, consérvanse construcións tradicionais con tellado de madeira e antigos palacetes de pedra, que outorgan un peculiar aspecto ás estreitas rúas peonís.

A mellor maneira de coñecer Rennes é percorrendo as súas rúas a pé

Como sempre vos indico, a mellor maneira de coñecer unha cidade é “pateándoa” e Rennes non podía ser menos. O Vello Rennes componse de dous barrios: o situado ao norte concentra a actividade nocturna e cultural da cidade, mentres que ao sur esténdense os modernos barrios residenciais.

Situada no corazón da cidade, podedes comezar a descubrir Rennes pola Place de la Mairie, unha elgante praza onde se levantan varios edificios públicos como o Concello ou o Teatro, xunto co Hôtel de Ville e a tour de l’Horloge.

Antiga abadía beneditina do Palais Saint George

Dende esta praza podedes tomar a Rue Saint Georges, unha das rúas máis fermosas da cidade polas súas casas antigas e na que se encontran numerosos cafés e restaurantes. Tamén veredes neste punto a antiga abadía beneditina do Palais Saint George.

Percorremos agora o barrio da Cathédrale de St-Pierre. Un paseo polas súas rúas permitiranos percibir a antiga atmosfera que conserva intacta esta zona grazas aos edificios que se salvaron do incendio de 1720.

A Porte Mordelaise era a porta de acceso á Rennes

Fronte á catedral, unha rúa estreita conduce ao único resto da muralla do século XV: a Porte Mordelaise. Nun tempo constituíu o acceso principal á cidade e por ela pasaban os duques de Bretaña para a súa coroación na catedral.

A Place Saint Michel está situada preto do barrio da catedral

Preto do barrio da catedral, sitúanse dúas fermosas prazas, a Saint Michel coas tradicionais casas de madeira e a Place Ste-Anne, onde se ergue a igrexa que recibe o mesmo nome e onde podedes repoñer forzas na mítica crêperie Sante-Anne!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>