A Bretaña francesa II: Saint Malo

Saint Malo é tal vez a cidade mais fermosa da costa bretoa. FOTO extraída de Travel Republic

Puxemos un pé no interior da Bretaña francesa hai unhas semanas a través de Rennes e desta volta imos coñecer unha pequena cidade da “terra asomada ao mar, ou como dicían os bretóns Armor. Trátase de Saint Malo, tal vez a cidade máis fermosa da costa bretoa e tamén unha das máis visitadas.

Cidade corsaria por excelencia, co seu cerco de murallas e bastións, sitúase nun promontorio que se interna no mar ata o punto de converterse case nunha illa cando sobe a marea. Moi preto da terra, divísanse unha serie de illotes onde se levantan fortalezas, construídas para controlar o paso das embarcacións ao porto.

Saint Malo é na actualidade un importante porto pesqueiro, mercantil e turístico. As fermosas praias en torno a cidade fixeron dela unha célebre e frecuentada localidade balnearia. A cidade foi destruída case na súa totalidade durante a Segunda Guerra Mundial pero unha excelente restauración devolveulle o seu aspecto orixinal, de aí que semelle tan ben conservada.

Saint Malo tivo que ser reconstruída tralos bombardeos da Segunda Guerra Mundial

Un paseo sobre as murallas que bordean a antiga cidade é unha boa proposta para a toma de contacto con Saint Malo. As vistas dende o camiño de rolda e algúns bastións son espectaculares e permiten tamén ver o movemento das mareas. A maior parte das murallas levantáronse no século XV e no XVII foron ampliadas e reformadas, para ser de novo reconstruídas tralos bombardeos da Segunda Guerra Mundial. Consérvanse varias portas entre as que destacan a de Saint Vincent, que era a entrada principal á cidade; e a Porte de Dinan, que dá acceso ao porto.

Baixamos cara a zona do Castelo. Malia que non se poden recoñecer ben as estruturas dos séculos XIV e XV, si as posteriores, do século XVII. Na actualidade, unha das alas alberga o Concello. O paseo por Intramuros permítenos coñecer as edificacións tradicionais da cidade.

Deixamos atrás as murallas para gozar da mestura de area e mar. Coa marea baixa, podemos acceder a Île du Grand Bé, na que se ergue un castelo e detrás a tumba de Chateaubriand, unha sinxela obra de granito cunha cruz. O Castelo, tamén coñecido como Fort National, pódese visitar pero para non dar o paseo en van, dende a beira da praia podemos observar se a bandeira está levantada, o que indica que permanece aberto.

O areal de Bon Secours conta cunha piscina de auga de mar que queda cuberta cando sube a marea

Entre as praias da cidade destaca a Grand Plage, a máis grande de todas elas. Xunto ás murallas, hai un par de areais máis pequenos: Bon Secours, que conta cunha piscina de auga de mar que queda cuberta cando sobe a marea; e Plage du Môle, máis pequena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>