5 viaxes en 5 fotos non imprimidas

Equipaxedeman

Xa hai anos que saquei o título de fotógrafo familiar; non dos que van a vodas, bautizos e comuñóns senón dos que se levanta cada 5 minutos na comida de Nadal ou no aniversario do avó cando pais, primos e demais familia o suxiren. Despois ven o “xa mas pasarás”.

Non é a primeira vez que algún dos membros máis analóxicos da familia reflexiona en alto e dime que “fas unha chea de fotos que despois…”. Antes facíanse unhas poucas, revelávanse todas e gardábanse nun armario que hoxe ten forma de disco duro.

Pode que neste post atopedes algunha boa idea para unha viaxe, ou que decidades revivir viaxes buscando CD’s cheos de fotos que xa non lembrades onde gardastes.

Reims

1_reimsxan2008

Catedral de Reims

Esta viaxe comeza no ano 2008. Eu vivía en París pero a da foto non é Notre-Dame senón Notre-Dame de Reims. Co ano recén estreado, un grupo de amigos que compartiamos a etiqueta Erasmus decidimos escapar da capital para visitar unha cidade moito máis tranquila e pequena pero con moito que ensinar. Foi unha viaxe dunha hora en tren e, coma neste post, lembro que tamén viaxaramos no tempo porque o primeiro que viramos fora un gran cartel que nos desexaba un feliz 2007… Ademais da catedral, non podedes deixar de visitar o Palacio do Tau e a Basílica de Saint-Remi; os tres monumentos forman parte do Patrimonio Mundial da Unesco.

Lagos de Covadonga

3_Covadongaxun2008

Quen coñece os lagos de Enol, La Ercina e El Bricial? Antes deste post eu tampouco lle poñía nome aos Lagos de Covadonga. O verán de 2008, xa de volta de París, comezou cun percorrido por Asturias con parada en Ribadesella, Cudillero e os Lagos de Covadonga, entre outros lugares. Que vos parece a ruta?

Segovia

2_Segovianov2008

Catedral de Segovia

Cando pensamos en Segovia todos vemos o acueduto romano. Hai que velo polo menos unha vez na vida. Fartarédesvos de sacarlle fotos dende distintos ángulos. Pero cando fun a finais daquel 2008 (que mágoa que daquela Equipaxe de man aínda non existira) descubrín a muralla medieval que rodea o casco vello, a Praza das Sereas, a Igrexa de San Martín, e a Praza Maior e Catedral de Segovia, entre outros monumentos. E si, tamén probamos o leitón; gastronomía e espectáculo a partes iguais.

Da Pobra do Burón a Santa Eulalia de Oscos

5_Acebo_StaEulaliaOscos_dec2010

Buscando nas fotos gardadas prestoume revivir unha viaxe que fixemos no 2010 á Fonsagrada. O mal tempo non impedira que descubriramos un sitio diferente: A Pobra do Burón. Atoparedes a torre do que foi un castelo, os restos do hospital da Trinidade, e a praza de Mao Tse Tung, ou rúas adicadas a Lenin, o Mariscal Zukov ou Igor Stravinski.

Aquela xornada rematara en Santa Eulalia de Oscos. Alí podedes visitar o Museo Casa Natal do Marqués de Sargadelos ou o Conxunto Etnográfico de Mazonovo, moi cerquiña de Santa Eulalia.

Portomarín

7_portomxun2011

Despois de París volvera a Madrid, que foi cando visitei Segovia. O primeiro traballo que tiven cando deixei a capital foi no verán de 2011 en Portomarín. Moitos coñeceredes Portomarín porque fixestes o Camiño. Non tantos coñecen a historia do pobo antigo asolagado polo Miño cando Franco e Fenosa decidiron construír o Encoro de Belesar. Subide a escalinata que leva á Capela das Neves e xogade a compoñer a historia que atoparedes, por exemplo, nas Igrexas de San Xoan e San Pedro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>