10 cousas que facer gratis en Madrid

Madrid1.Parques para ir de picnic, facer deporte ou tombarse a ler. A canción non mentía. ” Podéis tener Retiro, Casa Campo o Ateneo (…) vaya vaya aquí no hay playa! vaya vaya!” En Madrid non escoitas o mar nin cunha cuncha na orella, pero será por parques na capital, Casa de Campo, Parque del Oeste, Retiro, Madrid Rio, o Templo de Debot, a Quinta de los molinos ou o Cerro del Tío Pio (coñecido como o Parque de las Siete Tetas) son algúns deles. Poderás pasar infinitas tardes sen gastar un duro ou aburrirte. De balde é tamén o meu consello: coidado no Retiro que os paxaros están excesivamente ben alimentados (os peixes tamén pero estes só dan medo).

2. Cine. Botarlle un ollo á Academia de Cine, á Casa de América, a Universidad de Ciencias de la Información, ao Matadero, La Tirana Malas Artes ou a Filmoteca. Sitios onde ver cinema gratis ou por un prezo irrisorio.

3. Palacio Real. Este é, sen dúbida, o meu plan de balde pendente. Cada vez que paso fronte ao Palacio Real non podo evitar soñar con ser unha filla ilexítima dalgún antigo monarca. Discutímolo un día cervexa en man, pero pensalo ben, teñen todos os privilexios e ningunha obriga. Un soño que parte da curiosidade por saber que se agochará en cada recuncho (segredo) dese fermoso (por fóra polo menos) palacio. Segundo a web, de luns a xoves de 16 a 18 horas (outubro a marzo) e de 18 a 20 horas (abril a setembro) a entrada é gratuíta. Eu, polo momento, prefiro seguir fantaseando.

4. Mercadillos (serán un plan aforro sempre que te resistas a comprar). Creo que quedou clara a miña obsesión polos mercadillos e en Madrid o percorrido pasa polo Rastro, o Mercado de Motores, Nómada Market, o Mercado Central de Diseño, o Adelita Market, Ciento y Pico Market, o Rave Market ou o Eat Market entre moitos outros. En webs como TimeOut Madrid podes informarte dos que se celebran cada semana.

5. Festas. Vale, vaiamos coa verdade por diante, como as de Rebordechán ningunha. Pero Madrid festas tamén ten e son gratis de toda a vida: Fiestas del Orgullo, de la Paloma, San Isidro…

6. Museos. As posibilidades son infinitas (igual paseime pero son moitas). Só tes que rebuscar nas webs dos diferentes museos para pescudar os horarios e/ou exposicións gratuítas. Habelos hainos. A web www.museomadrid.com pode ser un bo punto de partida para comezar a tirar do fío.

7. O Sol é gratis. E Sol tamén. Poñer un pé no quilómetro cero, tirar unha foto co oso e o madroño ou mirar ao ceo en busca do Tío Pepe, son para turistas de 10 sen un peso. Se queres gañar a matrícula de honra vereite (en TVE con Ramón García) tomando as uvas o 31 de decembro.

8. Visitas guiadas. Observo cada día eses autobuses turísticos cos seus forasteiros dentro e párteseme a alma tanto como a eles a carteira. Para coñecer e gozar unha cidade hai que pateala! E ter compañía que che explique algo máis que cal é o primeiro McDonalds de España pode saírche moi barato. No Tour Gratis de New Madrid ou en Ogo Tour o prezo o pos ti.

IMG-20151007-WA0003

9. Poñer Madrid aos teus pés. E cando creas que xa coñeces Madrid de cabo a rabo (moi ousado pola túa banda) pona aos teus pés e redescúbrea. A azotea do Circulo de Bellas Artes (aquí algún peso tes que soltar) ou a última planta (Gourmet Experience) do Corte Inglés de Callao faranche percibila doutra forma. Como cando ves Vigo dende o mar por primeira vez; pero sen Vigo, sen barco, sen gaivotas e sen mar.

10. Posta de sol no Templo de Debod. Ver o sol esconderse tras as Illas Cies nunha noite de verán é algo imposible de superar. Pero o ceo madrileño tamén ten a súa particular beleza e ver a posta de sol no Templo de Debod é un modo de descubrila. Creo que cando gozas por primeira vez do ceo desta cidade é sinal de que aprendiches a querela cos seus defectos. Debería preocuparme?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>